Ano 1811. Nottinghamshire, Gran Bretaña. Os grupos de artesáns, armados coa rabia polo seu recente desemprego, cargaron contra os teares das fábricas téxteis en plena noite. Foron chamados ludistas, en honor á controvertida figura de Ned Ludd, o primeiro opositor da nova maquinaria (Thompson, 1963). Non eran parvos. Non eran fanáticos. Tiñan razón ao ver que os teares os deixaran sen traballo.
O que non viron, nin podían ver, é que, a finais do século XIX, esa mesma industria empregaba cen veces máis obreiros que a comezos de século. Algo semellante pasou co algodón: entre 1760 e 1787, tras a aparición das máquinas de fiar, o emprego do sector pasou duns 7.900 individuos a uns 320.000 (Baines, 1835).
A lóxica do absurdo
Constitúe un dos erros económicos máis correntes a crenza de que as máquinas, en definitiva, crean desemprego. Mil veces destruído, rexurdiu sempre das súas propias cinzas con maior forza e vigor.
Así comeza un dos meus capítulos favoritos da obra de Hazlitt: A economía nunha lección. Concretamente, o capítulo 7 "O odio á máquina". Hoxe parece que, máis ca nunca, rexurdiu o sofisma, o medo e a irracional carga contra a intelixencia artificial. Por iso, é de vital importancia entender cal é a función das máquinas e como influíron historicamente no desenvolvemento económico.
Primeiro vexamos dúas cousas: a primeira é que a tecnoloxía non busca crear emprego, senón mellorar a produtividade, isto é, poder conseguir máis con menos esforzo. Pero non só para os empresarios, senón que cando o custo de producir cada unidade cae, os prezos tamén caen e, polo tanto, aumenta o soldo de todos os traballadores da sociedade, pois pasan a poder comprar máis co mesmo. A segunda é o que decidimos denominar "A lóxica do absurdo": se fose certo que economizar esforzo causa miseria, habería que considerar tráxico non só todo invento futuro, senón a totalidade do progreso histórico da humanidade.
Como vemos, a tese de que a automatización e o progreso técnico provocan un desemprego permanente descansa sobre unha visión absurda da historia, porque se as máquinas xerasen desemprego xeneralizado, estamos no momento da historia no que maior tecnoloxía produtiva existe, polo que cabería deducir que estaríamos ante un paro masivo e xeneralizado a nivel mundial, o cal está lonxe de ser a realidade.
O emprego en si mesmo tampouco é intrinsecamente bo. O pleno emprego, de feito, é a norma nas economías máis pobres. Alí traballa todo o mundo, incluídos nenos e anciáns, de sol a sol. O progreso trae outra cousa: xornadas máis curtas, infancias sen fábrica, xubilacións. É dicir, máis tempo libre elixido, non paro forzoso.
Se se quere ver aínda máis este absurdo intuitivo, recomendo un pensamento que explica por que empregar a máis xente non implica unha mellora na calidade de vida da poboación: para que levar mercadorías de Nova York a Chicago en tren se se empregaría a moitos máis homes levándoas aos ombros? Por que comprar unha escavadora, se podemos poñer a miles de persoas a escavar buracos coas mans?
A historia recente
A principios do século XX, aínda existía o exemplo do cocheiro, un home que conducía un carruaxe tirado por cabalos. Dende a creación do primeiro automóbil en 1886 e o lanzamento do Ford Modelo T en 1908, que supuxo o inicio da produción en masa destes vehículos, o gremio dos cocheiros víase ameazado polo automóbil. Como é lóxico, os condutores, ferreiros e mozos de cuadra que se encargaban dos cabalos perderon masivamente os seus empregos.
Con todo, a produción de automóbiles superou a de carruaxes. Para 1929, vendíanse 4,5 millóns de coches ao ano, fronte aos 181.000 de 1910. Ao mesmo tempo, xurdiu unha gran cantidade de emprego: máis de 330.000 persoas traballaban en tendas de automóbiles, 127.000 en gasolinerías e outras 104.000 en obradoiros e garaxes. A industria do automóbil representaba case o 13% de toda a produción manufactureira e empregaba a un de cada doce traballadores (Federal Reserve Bank of Richmond, 2003).
Que provoca a chegada das máquinas?
Imaxinemos, seguindo o exemplo de Hazlitt, un fabricante de abrigos. Un día, compra unha nova máquina que sae ao mercado, polo que agora é capaz de facer o mesmo traballo coa metade dos operarios. O primeiro que vemos indígnanos: ten que despedir a metade do persoal. Vexamos agora o que non se ve a simple vista:
Alguén tivo que fabricar a máquina, polo que non só se xerou emprego para fabricala, senón tamén para deseñala, mantela, transportala e todo aquel traballo relacionado con producir dita máquina.
O fabricante gaña máis, polo que ese diñeiro pode ir parar a tres sitios: a ampliar o seu negocio, o cal xera máis emprego, a investilo noutro sector da economía, o cal xera máis emprego, ou en consumo propio, o cal estimula outros sectores. O diñeiro aforrado en salarios non se evapora, só cambia de mans, creando riqueza e produtividade no camiño.
Chega a competencia: os rivais copian a máquina ou perden clientes, e como consecuencia do aumento da produtividade, os empresarios baixan prezos para competir. Isto pasa a ser aforro dos consumidores e aumenta a capacidade adquisitiva e o seu benestar.
Coas chaquetas máis baratas ocorre unha de dúas cousas. Se a xente as compra moito, a industria vai precisar máis traballadores, como pasou cos coches a principios do século XX. E se non compra nin unha chaqueta máis, cada cliente quedará con diñeiro extra que poderá dar traballo a outro sector.
Deste xeito, podemos dilucidar como funcionan as máquinas: permiten aumentar a produtividade tanto dos traballadores como das empresas, permitindo xerar máis bens e servizos, máis benestar e, en contra do que os tecnófobos cren, incluso máis emprego.
E esta vez?
Sempre que hai unha crise, aparece alguén que asegura que "esta vez é diferente". Dixérono os ludistas en 1811, e a señora Eleanor Roosevelt (1945) escribía nun xornal sindical, o 19 de setembro de 1945: «Chegamos xa a un extremo no que os mecanismos economizadores de traballo só son desexables cando non desprazan o obreiro do seu posto». Hoxe dicímolo coa intelixencia artificial.
Claro que a IA vai eliminar empregos, especialmente en sectores como a administración, a contabilidade básica ou a xestión documental; todos eles procesos automatizables. Con todo, debemos ver máis alá disto, porque, se non, perderémonos a masiva creación de emprego en ciberseguridade, formación de IA, arquitectos de datos, encargados da infraestrutura, ética da IA ou as melloras na produtividade dos médicos, fisioterapeutas, educadores...
Un erro común consiste en asumir que existe unha cantidade fixa de traballo por facer no mundo (a falacia da suma cero). Cada vez que a tecnoloxía resolve un problema de forma eficiente, libera tempo e capital humano para satisfacer necesidades que antes nin sequera podiamos formularnos atender. Recordemos, pois, que a meta da economía non é manter a poboación ocupada. A meta da economía é maximizar a capacidade da sociedade de cubrir as súas necesidades co menor esforzo posible.
Propoñemos, así, abandonar o fatalismo que pesa sobre a IA e lembrar que esta, como todas as tecnoloxías produtivas, traerá consigo maior liberdade, prosperidade e tempo libre. Pero para iso, temos que facer algo complicado: deixar de ver o efecto inmediato e empezar a observar o longo prazo.
Bibliografía
Baines, E. (1835). History of the cotton manufacture in Great Britain. H. Fisher, R. Fisher, and P. Jackson.
Federal Reserve Bank of Richmond. (2003, inverno). Wheels of change: The automotive industry's sweeping effects on the Fifth District. Econ Focus. https://www.richmondfed.org/publications/research/econ_focus/2003/winter/economic_history
Hazlitt, H. (2011). La economía en una lección (11.ª ed.). Unión Editorial. (Obra orixinal publicada en 1946).
Roosevelt, E. (1945, 19 de setembro). My Day. United Feature Syndicate.
Thompson, E. P. (1963). The making of the English working class. Victor Gollancz Ltd.
Sobre o autor
Diego Araujo é un contribuínte de Cerna.
Estudante de Economía na USC, Premio Extraordinario de Bacharelato 2025 e gañador do Parlamento Xove 2026 (categoría universidade) xunto a Héctor González Prego, recoñecido ademais como Mellor Orador da edición. As súas columnas nacen dunha inquietude por entender o mundo dende a filosofía política, a economía, as ciencias políticas e o dereito, cun interese especial no estudo da liberdade, ademais de artigos máis técnicos centrados na análise político-filosófica, a economía austríaca e os fundamentos macro e microeconómicos.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
