A mensaxe aparece ás 22:41 no grupo de WhatsApp:
—Quen pode rematar o cartel para mañá?
Ninguén responde.
Todos queren que o cartel estea feito. Pero ofrecerse ten un risco que coñecen demasiado ben: resolver o problema de hoxe e converterse no encargado de resolver tamén o da semana que vén.
Media hora despois, o cartel segue sen facerse. Ninguén quedou de parvo. Tampouco hai cartel.
A escena resulta familiar porque o problema aparece en todas partes: traballos de clase, tarefas da casa, asociacións, relacións nas que ningún quere ser o primeiro en pedir perdón. Estamos dispostos a colaborar, pero queremos saber que o outro tamén o vai facer. E, mentres agardamos unha proba, o outro pode estar agardando exactamente o mesmo.
Entón empezamos a protexernos de algo que aínda non ocorreu. Deixamos de propoñer, de axudar, de achegarnos. Preferimos perder unha oportunidade antes que arriscarnos a que alguén se aproveite.
A pregunta é como evitalo sen acabar sendo, precisamente, a persoa da que todos se aproveitan.
Para entender esa trampa, serve o dilema do prisioneiro: dous xogadores elixen entre cooperar e non cooperar, sen coñecer a decisión do outro.
Se ambos cooperan, reciben tres puntos cada un. Se ningún coopera, reciben un. Pero se un coopera e o outro se aproveita, o primeiro obtén cero e o segundo cinco.
Ponte no lugar de calquera deles. Se o outro vai cooperar, convénche aproveitarte: cinco puntos son máis que tres. Se non o vai facer, tampouco che convén cooperar: mellor conseguir un que quedar con cero.
Pero o outro pode facer o mesmo cálculo. E entón acabades cun punto cada un, cando poderiades ter obtido tres. Cada un protexeu o seu interese individual ata conseguir un resultado peor para os dous. Esa é a estrutura do xogo utilizado nos torneos orixinais de Robert Axelrod.
Pensa nunha discusión na que ambos queren arranxar as cousas, pero ningún dá o primeiro paso porque sente que facelo sería ceder. Cada un protéxese e os dous manteñen algo que os prexudica.
Agora ben, na vida hai unha diferenza decisiva: normalmente haberá unha próxima vez.
Se me aproveito de ti hoxe, mañá podes negarte a colaborar comigo. Se cumpro o acordado, douche motivos para volver confiar. Unha vantaxe inmediata pode custarme unha relación valiosa.
Robert Axelrod estudou esa próxima vez mediante torneos de ordenador. Os participantes enviaban programas que xogaban repetidamente ao dilema do prisioneiro. Gañaba quen acumulaba máis puntos entre todos os seus encontros.
A gañadora dos dous torneos, publicados en 1980, foi unha regra presentada por Anatol Rapoport: Tit for Tat, «toma e daca».
O seu funcionamento era sinxelo: empezaba cooperando e, despois, repetía a decisión do outro xogador na rolda anterior. Se o outro cooperaba, seguía cooperando. Se deixaba de facelo, respondía igual. E se retomaba a cooperación, tamén a retomaba. Axelrod explicou estes resultados na súa investigación.
Paréceme máis útil que os consellos extremos de «sé bo e xa cho devolverán» e «non te fíes de ninguén». Un déixate vendido ante quen incumpre; o outro péchache a porta a persoas coas que poderías construír algo bo.
Colaborar non te obriga a aceptar calquera condición. Ofrecerte para rematar un cartel non significa facerte responsable de todos. Tampouco ter tolerado unha repartición inxusta te obriga a mantela.
Agora ben, sería absurdo aplicar Tit for Tat literalmente ás nosas relacións. Se alguén che fala mal, falarlle peor pode empeoralo todo. Calcular canto debes tardar en contestarlle converte unha conversa nunha competición miserable.
A súa vitoria tampouco demostra que sexa a mellor estratexia en calquera situación. Revisións posteriores mostraron que o resultado depende das regras, dos rivais e da forma de medir o éxito.
Se alguén deixa sistematicamente o seu traballo para os demais, cubrilo unha e outra vez permítelle seguir facéndoo. Pode que non sexa a túa intención, pero estás sostendo a repartición que che molesta.
Un límite pode ser: «Esta vez non o vou asumir. Temos que repartilo antes». É unha resposta clara que permite resolver o problema.
Tamén hai que permitir que unha rectificación sirva de algo. Se esiximos que o outro cambie e, cando cambia, seguimos tratándoo como se nada ocorrese, que saída lle estamos ofrecendo?
Ata aquí parece sinxelo: colaborar con quen colabora e deixar de facelo con quen se aproveita. O problema é que as persoas non interpretamos sempre ben o ocorrido.
Imaxina que un amigo tarda varios días en contestarche. Decides deixar de escribirlle porque estás farto de buscalo sempre. El nota a túa distancia, cre que xa non che interesa a amizade e afástase tamén. Cada un interpreta a reacción do outro como unha confirmación do que sospeitaba.
Este tipo de problema tamén aparece nos modelos: unha resposta automática pode prolongar unha cadea de falta de cooperación iniciada por un erro. As estratexias que deixan certa marxe para retomala poden mellorar os resultados en determinadas condicións. Nowak e Sigmund exploraron o papel desa xenerosidade.
Nós, ademais, podemos preguntar.
«Pásache algo?» pode resolver máis que tres días de silencio calculado. Agardar que alguén adiviñe o que che ocorre e castigalo cando non o consegue é unha forma bastante eficaz de fabricar conflitos.
Iso non obriga a xustificalo todo. Un fallo illado e unha conduta que se repite despois de falarmos dela non merecen a mesma resposta.
Volvamos ao grupo de WhatsApp. Quizais non falte boa vontade. Quizais todo se organizase dunha maneira que termina esgotando a quen a ten.
Unha persoa responde rápido, así que se lle pregunta sempre. Outra entrega a tempo, así que recibe a seguinte tarefa urxente. Outra nunca di que non, así que acaba recollendo o que os demais deixan pendente.
Despois sorpréndenos que perdan as ganas.
Se cumprir significa recibir máis carga e desentenderse significa librarse dela, estamos premiando xusto a conduta que dicimos querer evitar. Pedir «máis compromiso» sen revisar esa repartición é pedirlles aos mesmos que aguanten un pouco máis.
Unha asociación necesita tarefas claras, responsabilidades asumidas e espazo para dicir canto pode achegar cada persoa. Tamén necesita recoñecer o traballo que pasa desapercibido.
Non fai falta achegar todos o mesmo en cada momento. O importante é que se poida falar das diferenzas e non se convertan nunha obriga permanente para quen menos protesta.
Boa parte do que paga a pena facer xuntos esixe que alguén dea o primeiro paso sen todas as garantías. Organizar unha actividade ou intentar arranxar unha discusión supón expoñerse un pouco.
O medo a quedar de parvo ten sentido cando nos axuda a recoñecer unha relación inxusta. O problema empeza cando o usamos para explicar calquera xesto de confianza.
Porque alguén terá que responder á mensaxe. A cuestión é se, cando o faga, os demais van colaborar con el ou simplemente van deixar de preocuparse polo cartel.
Sobre o autor
Héctor González é un contribuínte de Cerna.
Estudante de Física na Universidade de Santiago de Compostela e de Matemáticas na UNED, gañador do Parlamento Xove 2026 na categoría universitaria xunto a Diego Araújo Rodríguez. Os seus artigos nacen da curiosidade científica e do interese por comprender o mundo a través de modelos científicos, especialmente matemáticos, así como por transmitir estas ideas dun xeito claro, rigoroso e accesible. Busca achegar conceptos útiles e aplicables, sen renunciar á reflexión, con interese tamén por ámbitos como a psicoloxía e a comunicación.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
