PROXECTO EDITORIAL DA COLECCIÓN DE NARRATIVA CERNA PENSAMENTO
1. Obxecto
O presente documento ten por finalidade establecer os criterios editoriais que regulan a elaboración, avaliación e publicación de obras narrativas publicadas nas canles da Asociación Cerna Pensamento. Constitúe un instrumento de orientación para os autores e para o Consello Editorial, co propósito de garantir a coherencia da colección a calidade das publicacións e a consolidación dunha identidade editorial propia.
Os criterios aquí recollidos deberán interpretarse conforme aos principios xerais da liña editorial de CERNA e non como un conxunto pechado de regras de carácter estritamente formal.
Ademais, é responsabilidade do Consello fomentar a consolidación desta publicación. Débese ter en conta, que se trata dunha liña editorial máis selectiva e que non pretende impoñer obxectivos concretos, pois non constitúe unha das liñas centrais nos momentos de inicio deste proxecto editorial. Con todo, o Consello reafirma a seu compromiso coa difusión da escrita literaria en lingua galega e especialmente daquela que o faga pensando e narrando as vivencias e preocupacións das xeracións xoves.
2. Natureza da colección
As publicacións narrativas constitúen un xeito do promoción da cultura galega e de participación e contribución co seu desenvolvemento.
A súa finalidade é ofrecer un espazo onde xoves autores noveis poidan compartir os seus escritos e acadar unha pequena rede incipiente de lectores. Con isto, preténdese contribuír ao xurdimento de novas voces ao facilitar as aportacións xuvenís no eido literario.
Ademais, CERNA pretende estimular a creación literaria que dialogue co mundo das ideas, a filosofía, a ciencia, a identidade, as humanidades ou novos temas que afectan ao desenvolvemento das novas xeracións e as novas dinámicas de socialización. Deste xeito, a narrativa e a ficción ofrécennos ferramentas imprescindibles para reflexionar, cuestionar ou simplemente contemplar a complexidade e os retos que enfrontan os xoves ou que deberían enfrontar.
3. Sobre a continuidade da publicación
Tratándose dunha liña editorial secundaria, será o seu responsable o encargado de velar por ela. Publicando textos propios e promovendo a participación de socios ou a incorporación de persoas alleas a asociación. Neste senso, non se impoñen requisitos á frecuencia nin a ao volume de publicacións.
Ao mesmo tempo, as publicacións dos conselleiros validaranse como calquera outra publicación en columna e, en consecuencia, farase segundo o establecido no Artigo 58 do Regulamento de Réxime Interno do Consello Editorial de Cerna Pensamento do 7 de Agosto do 2026. Con todo, isto non eximirá de cumprir os requisitos formais e tipográficos dispostos no Artigo 9 deste documento, sen prexuízo de cumprir os criterios de extensión, estilo, etc., que os propios conselleiros tamén deben cumprir.
4. Principios editoriais
Os textos narrativos publicados por CERNA inspiraranse nos seguintes principios:
a) Primacía da liberdade do autor. b) Consolidación de voces literarias características e vivas. c) Independencia de criterio. d) Disposición ao diálogo, á reflexión e á literatura de ideas. e) Compromiso coa lingua galega como lingua de cultura. f) Vocación de permanencia, procurando que os textos conserven interese alén da actualidade inmediata. g) Risco formal e innovación. h) Capacidade de diálogo coa tradición literaria europea, hispánica e galega e outras. i) Capacidade de crítica social, política ou ideolóxica, pero fuxindo do panfleto ou a literatura moralizante e doutrinaria. j) Dinamismo lingüístico e capacidade de adaptar linguaxes novas á lingua literaria.
A excelencia editorial prevalecerá sempre sobre consideracións relativas á frecuencia de publicación ou ao volume de contidos.
5. Linguas de uso
De acordo co disposto no Artigo 3, así como en consonancia cos principios establecidos polos Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno, establécese a lingua galega como habitual desta publicación. O responsable da colección velará por este compromiso, podendo aceptar textos noutras linguas nos seguintes casos:
a) Cando nunha colaboración xustificada e promovida polo responsable da colección o colaborador non sexa galego ou non teña o suficiente dominio da lingua galega. b) Cando un socio queira exercer o seu dereito de publicar mais non teña os dominios requiridos en lingua galega, ou prefira facelo en español. Non obstante, o Consello poderá denegar este uso cando se de xeito repetido e ou indefinido, promovendo sempre os principios da Asociación e o seu compromiso coa lingua galega.
6. Ámbito temático
CERNA promoverá preferentemente narracións que contribúan á comprensión da realidade galega e do mundo contemporáneo e constrúan mundos narrativos que entren en conexión cos retos da sociedade presente como a IA, a decadencia da democracia, o cambio dos marcos xeopolíticos, a globalización, a crise migratoria, o nacionalismo, etc.
Poderán presentarse narracións que introduzan unha conversa coa filosofía, a historia, a literatura, a lingua, o patrimonio, a universidade, a educación, a economía, o dereito, a política pública, a ciencia, a tecnoloxía, a intelixencia artificial, a cultura, a identidade, Europa ou calquera outro ámbito que resulte conforme coa liña editorial da entidade.
A relación anterior ten carácter meramente orientativo.
7. Extensión e categorías:
A Colección de Narrativa Cerna incluirá dúas categorías segundo a extensión e os criterios literarios do xénero proposto: a) Relato breve: baixo esta categoría incluiranse aqueles textos narrativos cuxa extensión sexa de entre tres e vinte páxinas. b) Relato longo: baixo esta categoría incluiranse aqueles textos narrativos cuxa extensión sexa de entre vinte e cincuenta páxinas.
O Consello Editorial poderá admitir textos de maior ou menor extensión cando a natureza da materia así o xustifique.
8. Estilo
Os relatos publicados por CERNA hanse de caracterizar pola liberdade de estilo, a personalidade da voz narrativa que o texto constrúe e o coidado da expresión escrita. Promoverase o desenvolvemento de novas linguaxes literarias mediante o emprego do neoloxismo, da composición e a derivación libre. Ademais, favorecerase a adaptación de vocabulario da xerga xuvenil a lingua galega.
Ademais, tamén se coidará da riqueza temática, formal e narrativa non aceptando textos tópicos, o emprego de clixés ou textos que non demostren uns mínimos de elaboración literaria en calquera dos seus aspectos. Tampouco se aceptarán aqueles que carezan de orixinalidade ou presenten argumentos claramente copiados de outras obras.
CERNA non promove un único modelo de escrita narrativa. Terán cabida textos de naturezas formais e estruturais moi diversas, aínda cando os textos carezan de unidade e aposten polo fragmentario ou presenten trazos moi rupturistas.
CERNA non promove un modelo único de escrita. Terán cabida relatos de natureza reflexiva, narrativa, evocadora ou argumentativa, sempre que presenten unidade, coherencia interna e interese intelectual.
9. Libro de estilo:
Co fin de garantir unha identidade editorial común, os relatos observarán o establecido nos seguintes criterios formais: a) O texto redactarase en Times New Roman, corpo 12 pt, con interliñado de 1,5 liñas. b) Os títulos principais escribiranse en negra, corpo 16 pt. c) Os subtítulos, cando existan, escribiranse en negra, corpo 14 pt. d) O corpo do texto presentarase xustificado, sen partición de palabras e sen espazos adicionais entre parágrafos. e) A primeira liña de cada parágrafo irá sangrada 1,25 cm agás a inmediatamente posterior a un título ou subtítulo. f) A negra reservarase para títulos e subtítulos, evitando o seu emprego no corpo do texto, salvo casos excepcionais. g) Non se utilizarán subliñados, cambios de cor, versais integrais con finalidade enfática nin outros recursos tipográficos alleos á identidade editorial de CERNA. h) As comiñas angulares (« ») serán as de uso ordinario. As comiñas dobres (" ") reservaranse para citas dentro doutras citas e as comiñas simples (' ') para casos excepcionais. i) As enumeracións realizaranse preferentemente mediante letras —a), b), c)...— ou mediante guións, evitándose o emprego de viñetas. k) As marxes do documento serán de 2,5 cm en todos os lados e o texto presentarase en formato A4.
10. Avaliación editorial
Na valoración dos relatos o responsable editorial atenderá especialmente aos seguintes criterios: a) Interese intelectual da proposta. b) Creación dun mundo narrativo propio. c) Orixinalidade. d) Corrección lingüística e calidade da expresión escrita. e) Adecuación á liña editorial de CERNA. f) Capacidade do texto para contribuír ao debate público e a reflexión acerca dos retos existencias, sociais e políticos da mocidade.
O procedemento de avaliación desenvolverase de conformidade cos dereitos e deberes dos autores e colaboradores establecidos no Regulamento de Réxime Interno do Consello Editorial de CERNA Pensamento ou na disposición que o substitúa.
Corresponderalle ao editor encargado da tramitación do relato efectuar unha primeira revisión do texto e determinar se reúne as condicións necesarias para a súa presentación á deliberación do Consello Editorial. No exercicio desta función actuará de conformidade co disposto no Regulamento de Réxime Interno e velará polo cumprimento dos criterios establecidos neste libro de estilo.
Cando o relato non reúna as condicións necesarias para a súa presentación, observarase o seguinte procedemento obrigatoriamente cando pertenza a un socio e recomendablemente se é un colaborador: a) O texto devolverase ao autor acompañado dunha exposición motivada das razóns que xustifican a súa devolución. O membro encargado poderá formular as observacións, suxestións ou correccións que considere oportunas, respectando sempre o sentido e o contido intelectual do artigo. As correccións de natureza ortográfica poderán incorporarse directamente ao documento; as observacións de carácter estilístico, gramatical ou léxico realizaranse preferentemente mediante anotacións. Cando a devolución se fundamente en razóns de contido, estas deberán expresarse de forma clara e suficientemente motivada. b) Recibidas as observacións, o autor poderá introducir as modificacións que considere oportunas e remitirá unha nova versión ao membro encargado da súa revisión. Se o artigo continuase sen reunir as condicións necesarias para a súa presentación, repetirase o procedemento previsto neste artigo. c) Unha vez considerado apto para a súa deliberación, o texto incluirase na orde do día da seguinte sesión do Consello Editorial. Se, tras a aplicación do procedemento anterior, o membro encargado continuase considerando que o texto presentado por un socio non debe ser admitido, someterao igualmente á deliberación do Consello Editorial, que resolverá definitivamente sobre a súa aceptación ou rexeitamento.
11. Identidade da colección
Os textos narrativos de CERNA constitúen unha colección editorial unitaria e responderán a unha identidade común, tanto na súa presentación formal como na concepción intelectual que inspira a publicación.
En consecuencia, compartirán unha identidade gráfica coherente, criterios editoriais uniformes e un mesmo nivel de esixencia intelectual e literaria.
A identidade da colección non se fundamentará exclusivamente na súa aparencia visual, senón tamén nunha forma recoñecible de comprender a función da cultura, de exercer o pensamento crítico e de cultivar unha escrita persoal, rigorosa e coidada.
12. Consideración derradeira
Os textos narrativos constitúen unha manifestación estratéxica dentro da actividade intelectual e artística de CERNA e un dos principais instrumentos para o cumprimento dos seus fins fundacionais.
A súa finalidade non consiste unicamente en ofrecer un maior número de textos narrativos no actual panorama literario, senón en contribuír a formación dun espazo estable de reflexión e diálogo, promovendo unha cultura do pensamento que non se esqueza da importancia da expresión artística e literaria.
Mediante esta colección, CERNA aspira a consolidar unha comunidade de autores e lectores comprometidos coa creación, difusión e desenvolvemento do pensamento galego contemporáneo.
Non se admitirán para a súa publicación textos que xa tivesen sido publicados con anterioridade en España. No caso de tratarse de textos publicados fóra de España, o Consello Editorial estudará o caso concreto para determinar a súa posible aceptación. Non obstante, si se poderá considerar a reedición en físico de textos que xa estivesen publicados pero xa non se atopen en outros medios. Neste sentido, cabe facilitar a incorporación de obras que sexan especialmente coherentes co proxecto garantindo que a súa publicación en CERNA non compita coa publicación en outros medios, o cal se verificará segundo a vontade e disposición do autor para a súa incorporación a CERNA PENSAMENTO.
Os autores conservarán a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual sobre os seus textos. Sen prexuízo do anterior, autorizarán a CERNA PENSAMENTO para a súa publicación e difusión a través dos medios propios da entidade, así como para a súa eventual incorporación a antoloxías, compilacións ou outras publicacións editadas baixo o selo editorial CERNA PENSAMENTO, en formato físico ou dixital, logo de comunicación ao autor. Os autores comprométense a ceder os seus dereitos para aquelas publicacións de CERNA de carácter antolóxico ou aquelas que inclúan obras de máis de dúas autorías distintas. Nestas publicacións os autores non recibirán ningún beneficio económico en concepto de dereitos de autor, estes quedan reservados para as publicacións individuais.
Nas reedicións ou publicacións posteriores realizadas polos seus autores deberá facerse constar que a primeira publicación do texto tivo lugar en CERNA Pensamento.