PROXECTO EDITORIAL DA COLECCIÓN DE ENSAIOS CERNA
Responsable: Diego Araújo Rodríguez
Correo de correo: diegoaraujo@cernapensamento.org1. Obxecto
O presente documento ten por finalidade establecer os criterios editoriais que regulan a elaboración, avaliación e publicación dos ensaios de CERNA. Constitúe un instrumento de orientación para os autores e para o Consello Editorial, co propósito de garantir a coherencia da colección, a calidade das publicacións e a consolidación dunha identidade editorial propia.
Os criterios aquí recollidos deberán interpretarse conforme aos principios xerais da liña editorial de CERNA e non como un conxunto pechado de regras de carácter estritamente formal.
Ademais, é responsabilidade do Consello garantir a consolidación desta publicación así como do Coordinador vixiar que todos os membros colaboran nela. Todos os integrantes do Consello deberán colaborar activamente no seu desenvolvemento, asumindo a responsabilidade compartida de garantir a súa calidade, periodicidade e estabilidade.
2. Natureza dos ensaios
Os ensaios constitúen unha publicación periódica de CERNA e configuran un dos principais espazos de reflexión profunda e desenvolvida da entidade.
A súa finalidade consiste en contribuír ao desenvolvemento dun pensamento galego contemporáneo, facilitando aportacións xuvenís, mediante textos rigorosos, documentados e accesibles que non descoiden aspectos formais pero que se dirixan a un público amplo e non especializado. Fronte ao artigo breve de opinión, o ensaio permite un desenvolvemento máis extenso e sistemático das ideas, así como unha maior profundidade analítica e documental.
Cada ensaio deberá presentar unha reflexión propia, construída sobre unha argumentación ordenada, fundamentada e capaz de suscitar novas preguntas o abrir vías de discusión.
3. Sobre a continuidade da publicación
O Consello velará pola prosperidade desta publicación. Dada a maior extensión e esixencia do xénero ensaístico, a periodicidade da colección de ensaios non será semanal, senón que se adecuará ao ritmo razoable de elaboración, revisión e avaliación que este tipo de textos require, sen prexuízo de que o Consello estableza obxectivos indicativos de publicación —mensuais, trimestrais ou doutra periodicidade— en función do número de textos dispoñibles e da capacidade dos autores e colaboradores.
Para tal fin, os membros do Consello colaborarán, na medida das súas posibilidades, coa achega de ensaios propios cando resulte necesario para garantir a continuidade e estabilidade da colección.
Ao mesmo tempo, as publicacións dos Conselleiros validaranse como calquera outra publicación e, en consecuencia, farase segundo o establecido no Artigo 58 do Regulamento de Réxime Interno do Consello Editorial de Cerna Pensamento do 7 de Agosto do 2026. Con todo, isto non eximirá de cumprir cos requisitos formais e tipográficos dispostos no libro de estilo deste documento, sen prexuízo de cumprir os criterios de extensión, estilo etc., que os propios Conselleiros tamén deben cumprir.
4. Principios editoriais
Os ensaios publicados por CERNA inspiraranse nos seguintes principios:
a) Primacía do argumento sobre a opinión.
b) Rigor intelectual e documental.
c) Independencia de criterio.
d) Disposición ao diálogo e ao contraste de posicións.
e) Compromiso coa lingua galega como lingua de cultura.
f) Vocación de permanencia, procurando que os textos conserven interese máis alá da actualidade inmediata.
g) Profundidade analítica, propia da natureza extensa e desenvolvida do xénero ensaístico.
A excelencia editorial prevalecerá sempre sobre consideracións relativas á frecuencia de publicación ou ao volume de contidos.
5. Linguas de uso
De acordo co disposto no Artigo 3, así como en consonancia cos principios establecidos polos Estatutos e o Regulamento de Réxime Interno, establécese a lingua galega como habitual desta publicación. Os membros do Consello coidarán deste compromiso, podendo aceptarse textos noutras linguas nos seguintes casos:
a) Cando nunha colaboración xustificada e promovida por un membro do Consello o colaborador non sexa galego ou non teña o suficiente dominio da lingua galega.
b) Cando un socio queira exercer o seu dereito de publicar mais non teña os dominios requiridos en lingua galega, ou prefira facelo en español. Non obstante, o Consello poderá denegar este uso cando se dea de xeito repetido e ou indefinido, promovendo sempre os principios da Asociación e o seu compromiso coa lingua galega.
6. Ámbito temático
CERNA promoverá preferentemente ensaios que contribúan á comprensión da realidade galega e do mundo contemporáneo desde unha perspectiva reflexiva e interdisciplinaria.
Poderán abordarse cuestións relacionadas coa filosofía, a historia, a literatura, a lingua, o patrimonio, a universidade, a educación, a economía, o dereito, a política pública, a ciencia, a tecnoloxía, a intelixencia artificial, a cultura, a identidade, Europa ou calquera outro ámbito que resulte conforme coa liña editorial da entidade.
A relación anterior ten carácter meramente orientativo.
7. Estrutura dos ensaios
Conforme aos principios expostos, CERNA promoverá o cultivo do ensaio en todas as súas posibilidades expresivas. A colección aspira a reunir textos con personalidade propia, liberdade formal e unha voz recoñecible, afastándose de modelos excesivamente ríxidos ou uniformes.
Os ensaios non deberán limitarse á mera exposición de feitos nin á simple defensa dunha opinión, senón que procurarán desenvolver unha reflexión persoal, ampla e fundamentada, mediante unha argumentación sólida, unha escrita coidada e unha perspectiva orixinal.
Dada a maior extensión propia do xénero, recoméndase, con carácter meramente orientativo, a organización do texto en apartados claramente diferenciados, que poderán identificarse mediante epígrafes ou subtítulos cando a extensión do ensaio así o aconselle. Deste xeito, o texto poderá organizarse do seguinte modo:
a) Introdución, na que se formule a cuestión ou o problema obxecto de análise e se xustifique o seu interese.
b) Exposición do contexto e dos antecedentes necesarios para a súa comprensión.
c) Desenvolvemento da tese principal en varios apartados, mediante argumentos suficientemente fundamentados e, cando proceda, apoiados en fontes documentais.
d) Consideración das posibles obxeccións ou interpretacións alternativas.
e) Conclusión orientada a sintetizar a reflexión realizada e, preferentemente, a abrir novas liñas de pensamento.
Esta estrutura ten carácter orientativo e poderá adaptarse ás particularidades de cada ensaio.
8. Extensión
Establécense dúas modalidades de ensaio en función da súa extensión: o ensaio breve, cuxa extensión se situará entre as 3.000 e as 6.000 palabras, e o ensaio longo, cuxa extensión será superior ás 6.000 palabras, sen límite máximo.
O Consello Editorial poderá admitir, no caso do ensaio breve, textos de menor extensión cando a natureza da materia así o xustifique.
9. Estilo
Os ensaios publicados por CERNA responderán ao xénero do ensaio persoal e caracterizaranse pola liberdade de estilo, a personalidade da voz do autor e o coidado da expression escrita, sen renunciar por iso ao rigor propio dun texto de maior desenvolvemento intelectual.
Cada texto deberá constituír unha reflexión propia, elaborada desde a experiencia, o coñecemento ou o criterio persoal do seu autor, podendo apoiarse, a diferenza do artigo breve, na exposición documentada de información e no diálogo explícito con outras posicións ou autores, sempre desde unha elaboración crítica propia.
CERNA non promove un modelo único de escrita. Terán cabida ensaios de natureza reflexiva, narrativa, evocadora ou argumentativa, sempre que presenten unidade, coherencia interna e interese intelectual.
A colección poderá incorporar, con maior naturalidade que no caso do artigo breve, certas convencións propias das publicacións académicas, sen que isto implique a adopción plena dun rexistro académico nin a perda da voz persoal do autor. O emprego de fontes documentais e referencias bibliográficas será, polo tanto, un recurso habitual e non excepcional, e rexerase polo disposto nos artigos seguintes.
A calidade dun ensaio apreciarase pola autenticidade da súa voz, a solidez da reflexión, o rigor documental, a elegancia da súa expresión e a capacidade para suscitar o interese do lector.
10. Fontes e referencias
O xénero do ensaio, a diferenza do artigo persoal ou de columna, admite e mesmo recomenda o emprego de fontes documentais, notas a pé de páxina e outro tipo de aparello crítico, sempre que este se poña ao servizo da reflexión do autor e non a substitúa. O protagonismo do ensaio corresponde sempre á reflexión propia do autor, aínda que esta se apoie e dialogue con autoridades alleas.
Cando resulte pertinente facer referencia a unha obra ou documento, esta poderá integrarse no propio discurso mediante citación directa ou paráfrase, ou remitirse mediante nota a pé de páxina, sen que iso interrompa de forma inxustificada o desenvolvemento da lectura.
11. Libro de estilo
Co fin de garantir unha identidade editorial común, os ensaios observarán os seguintes criterios formais:
a) O texto redactarase en Times New Roman, corpo 12 pt, con interliñado de 1,5 liñas.
b) Os títulos principais escribiranse en negra, corpo 16 pt.
c) Os subtítulos, cando existan, escribiranse en negra, corpo 14 pt. Cando a extensión do ensaio requira un terceiro nivel de epígrafes, estas escribiranse en negra, corpo 12 pt.
d) O corpo do texto presentarase xustificado, sen partición de palabras e sen espazos adicionais entre parágrafos.
e) A primeira liña de cada parágrafo irá sangrada 1,25 cm agás a inmediatamente posterior a un título ou subtítulo.
f) A negra reservarase para títulos e subtítulos, evitando o seu emprego no corpo do texto, salvo casos excepcionais.
g) A cursiva empregarase para os títulos de libros, revistas e outras publicacións, para palabras e expresións en lingua estranxeira, latinismos e nos demais supostos previstos polas normas ortotipográficas.
h) As citas e referencias bibliográficas axustaranse, con carácter xeral, ás normas establecidas pola 7.ª edición do Publication Manual of the American Psychological Association (APA 7), coas adaptacións ortotipográficas deste libro de estilo. As citas incorporaranse no corpo do texto mediante o sistema autor-data ou, cando resulte máis axeitado pola natureza do ensaio, mediante notas a pé de páxina numeradas correlativamente. As citas textuais empregaranse cando a reprodución literal resulte relevante para a comprensión da argumentación, procurando en todo caso que a reflexión do autor prevaleza sobre a reprodución de textos alleos. Con carácter orientativo, non se recomenda superar as dez citas textuais por ensaio, salvo que a natureza e extensión do traballo xustifiquen un número maior. As citas breves integraranse entre comiñas, seguidas entre paréntese do apelido do autor, o ano de publicación e, cando proceda, a páxina correspondente. As citas de maior extensión presentaranse en parágrafo independente, sen comiñas e con sangrado. As referencias bibliográficas incluiranse ao final do ensaio, baixo o epígrafe «Referencias», ordenadas alfabeticamente conforme aos criterios establecidos pola norma APA 7.
i) Cando se empreguen notas a pé de páxina, redactaranse en Times New Roman, corpo 10 pt, con interliñado sinxelo, e numeraranse de forma correlativa ao longo de todo o ensaio.
l) Non se utilizarán subliñados, cambios de cor, versais integrais con finalidade enfática nin outros recursos tipográficos alleos á identidade editorial de CERNA.
m) As comiñas angulares (« ») serán as de uso ordinario. As comiñas dobres (" ") reservaranse para citas dentro doutras citas e as comiñas simples (' ') para casos excepcionais.
n) As enumeracións realizaranse preferentemente mediante letras —a), b), c)…— ou mediante guións, evitándose o emprego de viñetas.
ñ) As marxes do documento serán de 2,5 cm en todos os lados e o texto presentarase en formato A4.
o) Os ensaios de extensión superior ás 4.000 palabras poderán incorporar, ao inicio do texto, un sumario ou índice de apartados, así como un breve resumo introdutorio de entre 150 e 200 palabras que sintetice o seu contido e, se se considera oportuno, ata cinco palabras clave.
12. Avaliación editorial
Na valoración dos ensaios o Consello Editorial atenderá especialmente aos seguintes criterios:
a) Interese intelectual da proposta.
b) Coherencia e solidez da argumentación.
c) Orixinalidade da reflexión.
d) Rigor e pertinencia do aparello documental empregado, cando exista.
e) Corrección lingüística e calidade da expression escrita.
f) Adecuación á liña editorial de CERNA.
g) Capacidade do texto para contribuír ao debate público e á formación do pensamento crítico.
O procedemento de avaliación desenvolverase de conformidade cos dereitos e deberes dos autores e colaboradores establecidos no Regulamento de Réxime Interno do Consello Editorial de CERNA Pensamento ou na disposición que o substitúa.
Corresponderalle ao membro do Consello Editorial encargado da tramitación do ensaio efectuar unha primeira revisión do texto e determinar se reúne as condicións necesarias para a súa presentación á deliberación do Consello Editorial. No exercicio desta función actuará de conformidade co disposto no Regulamento de Réxime Interno e velará polo cumprimento dos criterios establecidos neste libro de estilo.
Cando o ensaio non reúna as condicións necesarias para a súa presentación, observarase o seguinte procedemento obrigatoriamente cando pertenza a un socio e recomendablemente se é un colaborador:
a) O texto devolverase ao autor acompañado dunha exposición motivada das razóns que xustifican a súa devolución. O membro encargado poderá formular as observacións, suxestións ou correccións que considere oportunas, respectando sempre o sentido e o contido intelectual do ensaio. As correccións de natureza ortográfica poderán incorporarse directamente ao documento; as observacións de carácter estilístico, gramatical ou léxico realizaranse preferentemente mediante anotacións. Cando a devolución se fundamente en razóns de contido, estas deberán expresarse de forma clara e suficientemente motivada.
b) Recibidas as observacións, o autor poderá introducir as modificacións que considere oportunas e remitirá unha nova versión ao membro encargado da súa revisión. Se o ensaio continuase sen reunir as condicións necesarias para a súa presentación, repetirase o procedemento previsto neste artigo.
c) Unha vez considerado apto para a súa deliberación, o ensaio incluirase na orde do día da seguinte sesión do Consello Editorial. Se, tras a aplicación do procedemento anterior, o membro encargado continuase considerando que o ensaio presentado por un socio non debe ser admitido, someterao igualmente á deliberación do Consello Editorial, que resolverá definitivamente sobre a súa aceptación ou rexeitamento.
13. Identidade da colección
Os ensaios de CERNA constitúen unha colección editorial unitaria e responderán a unha identidade común, tanto na súa presentación formal como na concepción intelectual que inspira a publicación.
En consecuencia, compartirán unha identidade gráfica coherente, criterios editoriales uniformes e un mesmo nivel de esixencia intelectual e literaria.
A identidade da colección non se fundamentará exclusivamente na súa aparencia visual, senón tamén nunha forma recoñecible de comprender a función da cultura, de exercer o pensamento crítico e de cultivar unha escrita persoal, rigorosa e coidada.
14. Consideración derradeira
Os ensaios constitúen unha das manifestacións máis significativas da actividade intelectual de CERNA e un dos principais instrumentos para o cumprimento dos seus fins fundacionais.
A súa finalidade non consiste unicamente en ofrecer unha resposta á actualidade, senón en contribuír á formación dun espazo estable de reflexión crítica, promovendo unha cultura do pensamento fundada no rigor intelectual, no diálogo e na excelencia editorial.
Mediante esta colección, CERNA aspira a consolidar unha comunidade de autores e lectores comprometidos coa creación, difusión e desenvolvemento do pensamento galego contemporáneo.
Non se admitirán para a súa publicación textos que xa tivesen sido publicados con anterioridade en España. No caso de tratarse de textos publicados fóra de España, o Consello Editorial estudará o caso concreto para determinar a súa posible aceptación. Non obstante, si se poderá considerar a reedición en físico de textos que xa estivesen publicados pero xa non se atopen en outros medios. Neste sentido, cabe facilitar a incorporación de obras que sexan especialmente coherentes co proxecto garantindo que a súa publicación en CERNA non compita coa publicación en outros medios, o cal se verificará segundo a vontade e disposición do autor para a súa incorporación a CERNA PENSAMENTO.
Os autores conservarán a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual sobre os seus textos. Sen prexuízo do anterior, autorizarán a CERNA PENSAMENTO para a súa publicación e difusión a través dos medios propios da entidade, así como para a súa eventual incorporación a antoloxías, compilacións ou outras publicacións editadas baixo o selo editorial CERNA PENSAMENTO, en formato físico ou dixital, logo de comunicación ao autor. Os autores comprométense a ceder os seus dereitos para aquelas publicacións de CERNA de carácter antolóxico ou aquelas que inclúan obras de máis de dúas autorías distintas. Nestas publicacións os autores non recibirán ningún beneficio económico en concepto de dereitos de autor, estes quedan reservados para as publicacións individuais.
Nas reedicións ou publicacións posteriores realizadas polos seus autores deberá facerse constar que a primeira publicación do texto tivo lugar en CERNA Pensamento.