A mañá era fría. O orballo aínda permanecía sobre as rúas de Santiago, prendido ás pedras e aos cristais dos escaparates, mentres un ceo escuro cubría a cidade. As rúas seguían case baleiras mentres Brais camiñaba cun paso lixeiramente rápido. Levaba as mans metidas nos petos do abrigo e os ombreiros algo encollidos, coma se tentase protexerse da humidade imperante. Mantiña a mirada baixa e avanzaba sen deterse.
Ao chegar a un portal, sacudiu os mocasíns no felpudo antes de empurrar a porta de cristal. En canto a pechou, sacou do bolso cruzado unha carpeta de cartón, abriuna, comprobou que os papeis seguían alí e volveu pechala. Na primeira páxina aparecía impreso un nome que levaba semanas evitando pronunciar, pero que resoaba constantemente na súa cabeza.
A sala de espera, de ambiente máis cálido que o exterior, era pequena e estaba case ás escuras. A pouca luz que entraba do exterior apenas conseguía afastar a penumbra das paredes. Xunto á porta do despacho había catro cadeiras en fila. Brais sentou nunha delas, deixou a carpeta entre as pernas e pousou as mans sobre ela, mantendo a mirada baixa. Dende a rúa chegaban, sen romper apenas o silencio da sala, os sons dunha cidade que comezaba a espertar. Brais colleu un xornal que estaba sobre unha pequena mesa xunto ás cadeiras e pasou algunhas páxinas facendo unha lectura superficial. De súpeto, unha porta abriuse ao seu carón.
—O señor Varela?
Brais levantou a cabeza. O home que estaba na porta fíxolle un pequeno xesto coa man.
—Pode pasar.
O despacho era diferente da sala de espera. Era máis amplo e estaba iluminado por unha luz amarela que facía que a madeira escura da mesa parecese aínda máis antiga. Un gran escritorio ocupaba boa parte da estancia. Sobre el, xunto a varios documentos perfectamente ordenados, había unha pequena planta e un flexo de cor verde. Nas paredes, varias estanterías altas, repletas de carpetas, libros e moreas de documentos que se acumulaban unhas xunto ás outras. Detrás da mesa estaba o notario. Levantou a mirada cando Brais entrou e sinaloulle a cadeira que tiña diante.
—Adiante. Sente, por favor.
Brais sentou, deixou a carpeta sobre a mesa e, por un momento, quedou mirando o interior do despacho sen saber moi ben onde pousar a vista.
O notario abriu un dos documentos que tiña diante.
—Brais Varela?
—Si.
O notario abriu o primeiro documento e achegouno cara a si.
—Imos comezar polos datos do falecido.
Brais baixou a vista cara á carpeta.
—Don Manuel Varela.
Brais non respondeu, non facía falta.
O home continuou lendo con voz pausada, cunha voz con esa seguridade de quen leva anos dicindo as mesmas cousas. As frases avanzaban unha tras outra ata que chegou aos bens. Unha vivenda. Unha conta bancaria. Algúns aforros. Brais escoitaba. Mentres o notario avanzaba, el lembraba esa casa na que pasou múltiples veráns de neno, a mesma que reflectía no papel, e por un intre chegou a recordar o recendo que compartían o seu tío e aquelas paredes.
—Tamén constan determinados bens mobles e obxectos de carácter persoal. Un reloxo, varios libros, algúns mobles.
Brais permanecía en silencio.
O notario explicou os últimos puntos do documento e, finalmente, deixou o bolígrafo sobre a mesa.
—Se está conforme, só queda asinar aquí.
Brais colleu o bolígrafo. Mirou a liña en branco na que debía aparecer o seu nome e asinou. O notario colleu de novo os documentos, comprobou a sinatura e pasou a folla.
—Xa está.
Brais acaba de herdar.
Hai palabras que, de tanto empregalas, acabamos por simplificar. Herdar pode ser unha delas.
Nun documento poden quedar rexistradas algunhas das cousas que recibimos. Unha vivenda, uns aforros, uns libros, un reloxo. Pero hai outras que non deixan constancia de si mesmas.
Chegamos a un mundo onde xa había unha lingua, unhas tradicións, unhas formas de entender o mundo. Recibimos costumes sen que ninguén nos preguntase se queriamos recibilos.
Nacimos como personaxes dunha historia xa comezada, a cal adoptamos e continuamos.
Ampliamos así o que entendemos por herdar. Xa que non sempre fai falla que alguén nos entregue algo para que pase a formar parte de nós, hai cousas que simplemente estaban xa aquí cando chegamos. Unha serie de costumes, crenzas e coñecementos, entre outras moitas cousas, que dan lugar ao que coñecemos como tradición.
A tradición moitas veces non precisa ser defendida para permanecer. O seu paso dunha xeración a outra pode facer que acabemos confundindo a súa antigüidade coa súa razón de ser. Ás veces algo leva tanto tempo entre nós que xa non preguntamos por que continúa; simplemente asumimos que, se chegou ata aquí, algún motivo haberá.
E quizais o haxa.
Ou quizais non.
Porque o tempo non é arbitrario. Este limítase a pasar, e ao pasar algunhas cousas sobreviven mentres que outras son esquecidas.
É por isto que o feito de que algo sexa antigo non parece razón suficiente como para conservalo. Pero é motivo para abandonalo?
Aquí aparece a dificultade.
Que lle debemos ao que recibimos?
Se algo chegou ata nós durante séculos, temos algún deber de transmitilo? Cómpre ser conscientes da existencia dunha responsabilidade na continuidade, xa que, se cada xeración decidise comezar de cero, se eliminase todo aquilo que non creou, non existiría unha herdanza cultural que entregar á seguinte.
Con todo, tamén herdamos ideas “obsoletas” para o mundo actual, costumes que perderon un sentido que algunha vez tiveron e formas de entender a sociedade que responden a circunstancias que xa non existen.
O pasado, por ser pasado, non se converte de xeito imperante en norma do presente. Pero sería inxusto que o presente se converterse automaticamente en xuíz do pasado.
Non somos nin propietarios do pasado nin os seus depositarios. Este chega ata nós despois de pasar por outras vidas, outras circunstancias e outras épocas, e nós recibímolo así, sen facer nada, e queda nas nosas mans.
É aquí onde entra a nosa responsabilidade.
A de deternos ante el, preguntarnos por que existe, que había nel que merece ser transmitido e que xa non debería selo.
Recibimos un mundo que non fixemos nós e deixámolo para os que chegarán.
Por iso ao recibilo temos que interpretalo, adaptalo e así entregalo. Sendo conscientes de que este bucle será repetido.
Esa é a responsabilidade de herdar: non decidir simplemente que pasado queremos conservar, senón comprender que, ao facelo, estamos decidindo tamén que pasado queremos entregar ao futuro.
Sobre o autor
Denis Fernández é un contribuínte de Cerna.
Estuda o dobre grao bilingüe en Dereito e Administración e Dirección de Empresas (ADE) na Universidade Carlos III de Madrid. No ámbito do debate, foi distinguido na categoría de Bacharelato como mellor orador na fase previa do Parlamento Xove na edición de 2025. Os seus artigos nacen do interese por analizar a realidade socioeconómica e xurídica actual, cunha mirada especialmente centrada nos retos, perspectivas e problemáticas que afronta a mocidade de hoxe en día.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
