«O comerciante de gran, ao elevar o prezo en momentos de escaseza, evita que a poboación consuma demasiado rápido e sufra unha fame absoluta. A súa función é tan beneficiosa para o pobo como a do propio agricultor».
— Adam Smith (1776)
Poucas palabras no debate público cargan cun estigma tan pesado como a de "especulador". No imaxinario colectivo, alimentado constantemente polo discurso político e mediático, o especulador adopta a forma dun parásito que se enriquece a costa da desgraza allea, inflando prezos artificialmente. Non é só unha cuestión política, senón tamén cultural. En 1987, a película Wall Street de Oliver Stone fixou a imaxe do especulador moderno. O inesquecible Gordon Gekko, interpretado por Michael Douglas, deu rostro, tirantes e traxe á figura do especulador; converteuse no arquetipo cultural desta figura. Quizá a soada máxima «Greed is good» (A avaricia é boa) que predicaba Gekko choca frontalmente co sistema de valores da opinión pública porque reduce un fenómeno económico complexo á mera avaricia individual.
Todos somos especuladores
Se analizamos a cuestión desde os seus primeiros principios, chegamos a unha conclusión que adoita incomodar aos críticos do mercado: toda acción humana é, por pura necesidade lóxica, unha especulación.
Como teorizou Ludwig von Mises en A acción humana (1949), o ser humano actúa porque non é omnisciente. A nosa contorna cambia e o futuro é unha páxina en branco marcada por unha incerteza inerradicable. Se o futuro fose perfectamente previsible e estivese determinado de antemán, a acción carecería de sentido; seriamos meros espectadores pasivos do noso propio destino. Actuar implica, de forma inherente, renunciar a un estado de cousas presente coa esperanza de alcanzar un estado futuro que xulgamos como máis satisfactorio. E posto que ese futuro aínda non existe, cada decisión que tomamos é unha aposta sen certeza algunha.
Especula o estudante de 18 anos que inviste o seu tempo e esforzo nunha carreira universitaria, apostando a que dentro de catro anos existirá demanda laboral para eses coñecementos e que a súa propia vocación se manterá intacta. Especula a familia que decide comprar unha vivenda, asumindo unha hipoteca a trinta anos baixo a premisa incerta de que os seus ingresos futuros se manterán estables. Especula, incluso, quen simplemente decide aforrar e gardar o seu diñeiro, confiando cegamente en que o valor adquisitivo desa moeda non será devorado mañá pola inflación. Ninguén escapa á especulación porque ninguén escapa ao transcurso do tempo.
O que distingue ao denostado "especulador" do mercado, xa sexa financeiro, inmobiliario ou de materias primas, non é unha suposta malicia moral nin a natureza dos seus actos, senón o seu grao de especialización (Block, 1976). O especulador profesional é, simplemente, un individuo que asume de maneira voluntaria e explícita a incerteza da que o resto da sociedade intenta fuxir. Ao comprender que todos somos especuladores polo mero feito de actuar no tempo, podemos deixar atrás o xuízo moral superficial e analizar, de forma puramente económica, cal é a función real que cumpre este especialista dentro da sociedade.
Que fai un especulador?
Despoxado da mística financeira, o especulador opera baixo a máxima máis antiga do comercio: comprar barato para vender caro.
Que significa comprar barato? Un prezo é baixo cando a oferta dun ben supera amplamente a súa demanda actual; é dicir, en momentos de abundancia (o prezo depende doutras variables, como a valoración subxectiva, pero ceteris paribus, unha variación na oferta supón unha subida dos prezos).
Cando unha colleita de trigo é récord ou a produción dunha materia prima dispara, o prezo cae en picado. Se ninguén interviñese, a sobreabundancia derrubaría o valor do produto ata niveis incapaces de cubrir os custos de produción, levando á quebra aos agricultores ou fabricantes e destruíndo a capacidade produtiva futura.
Aquí é onde entra o especulador. Ao comprar masivamente cando o prezo está baixo, inxecta unha demanda artificial que sostén o mercado. Asume o custo de almacenamento, a deterioración do produto e o risco de amortización. Coa súa compra, establece un chan nos prezos que salva ao produtor da ruína.
Pola contra, que significa vender caro? Un prezo elévase cando a oferta cae drasticamente respecto á demanda; é dicir, en momentos de escaseza (unha seca, unha interrupción nas cadeas de subministración, unha crise xeopolítica ou a escaseza de oferta que se desexe). Nese instante crítico, cando a sociedade se enfronta ao desabastecemento, o especulador non acapara: libera as reservas que acumulou durante a abundancia. Ao volcar esa oferta gardada no mercado, frea a escalada salvaxe dos prezos e impide que o ben desaparezca dos estantes.
O especulador non causa a carestía; amortíguaa. O seu beneficio empresarial non provén da creación de escaseza, senón da súa capacidade para actuar como unha ponte temporal, trasladando bens desde unha época na que sobran cara a unha época na que fan falta. Neste sentido, o especulador opera no tempo. Pero tamén no espazo.
Imaxínense que por calquera motivo, mañá a provincia de Lugo ten unha sobreabundancia de patacas porque a súa colleita é xigantesca; se non se fai nada, os prezos esborrallan e os produtores enfrontan uns custos inasumibles fronte ao beneficio. Mentres tanto, a provincia de Alacante nunca produce patacas e, as poucas que produce, estráganse polo motivo que sexa. Que sucede aquí? Os prezos da pataca en Alacante comezan a ascender ao punto de que se volve un luxo a pataca, mentres que en Lugo os prezos das patacas esborrallan ata o punto de que as regalan. Aquí entra o especulador. O especulador asume o risco e aluga camións para levar patacas lucenses, que comprou baratas, a Alacante, onde as vende caras. Agora o prezo da pataca estabilízase xeograficamente de modo que os produtores lucenses non tiran ou regalan as súas patacas e os compradores alacantinos poden comprar as patacas a un prezo máis razoable. Esta alerta fronte ás discrepancias de prezos espaciais e temporais constitúe a esencia da arbitraxe empresarial (Kirzner, 1973). Se a figura do especulador non actuase, os alacantinos non terían patacas e os lucenses terían sobreabundancia.
Sen a intermediación do especulador, a estrutura económica enfrontaríase a unha volatilidade extrema:
Fases de superávit sen especulación: Esborrallamento de prezos, quebra masiva de produtores e desbotamento de recursos sobrantes por falta de almacenamento remunerado.
Fases de déficit sen especulación: Picos inasumibles de prezo, ausencia total de stock de reserva e episodios de racionamento forzoso ou desabastecemento.
O especulador aplana a curva de prezos, elevando os vales de sobreoferta e reducindo os cumes de carestía.
O sistema de alarma e o racionamento temperán
Existe un segundo efecto coordinador aínda máis sutil: o racionamento preventivo. O especulador opera guiado por expectativas sobre o futuro. Se detecta indicios de que unha materia prima escaseará dentro de seis meses, comeza a comprar inmediatamente para construír as súas reservas.
Esa demanda anticipada provoca un lixeiro incremento do prezo no presente. Lonxe de ser un prexuízo social, esta subida actúa como un sistema de alarma temperá (Kirzner, 1973). Transmite un sinal transparente a toda a economía: o ben volveuse máis valioso e debe consumirse con maior prudencia. Produtores e consumidores adaptan o seu comportamento de forma gradual antes de que a crise se materialice.
Prohibir a especulación equivale a destruír o termómetro para ignorar a febre: a sociedade consumiría de forma desmedida durante a época de abundancia e espertaría bruscamente ante un desabastecemento absoluto cando a escaseza real faga acto de presenza.
O provedor de liquidez en tempos de caos
O especulador cumpre unha terceira función máis aló de equilibrar os prezos, reaxustar intertemporal e xeograficamente a produción e servir de alarma ante cambios no mercado: achega liquidez en tempos de incerteza extrema.
Cando se produce un pánico financeiro, as masas de axentes económicos buscan desfacerse dos seus activos para refuxiarse na liquidez. Se todos os participantes intentan vender simultaneamente e ninguén está disposto a comprar, o mercado conxélase e as valoracións colapsan nunha espiral destrutiva. En 2008, tras o pánico financeiro, os especuladores que compraban activos inmobiliarios a prezos de saldo foron vilipendiados publicamente (Block, 1976). Aínda que é certo que as súas intencións son as de lucrarse, no proceso conseguen dar liquidez a quen o necesita; se non o fixesen, a economía tería colapsado con moita maior brusquitude. Con todo, pouco se culpou á Reserva Federal por reducir os tipos de interese artificialmente durante anos, distorsionando a estrutura produtiva e fomentando a burbulla. Preferiuse demonizar a quen acudiu a achegar capital na debacle.
Ao asumir a contrapartida compradora no medio da incerteza, o especulador inxecta unha liquidez indispensable: permite que quen necesita efectivo urxentemente para cubrir débedas ou reestruturar as súas finanzas poida obtelo, evitando que o sistema se conxele nunha parálise absoluta.
É xusto o beneficio do especulador?
Ao contrario do beneficio da clase política que parte da coacción do imposto, é dicir, é extractivo, o especulador obtén o seu beneficio da función social que cumpre como estabilizador de prezos e provedor de liquidez en momentos de crise. O especulador non conta con certezas nin con rede de seguridade. Se as súas previsións fallan, se acumula patacas ou trigo agardando unha escaseza que xamais se produce, ou se adquire activos inmobiliarios en pánico cuxo valor continúa esborrallándose, o mercado penalízao implacablemente. Os bens acumulados deberán liquidarse con perdas e o seu patrimonio verase mermado.
Esta é a diferenza fundamental entre o sector privado e a intervención estatal. Cando os planificadores políticos se equivocan nas súas previsións ou proxectos, a factura socialízase de forma coactiva entre os contribuíntes a través de maiores impostos, débeda pública ou inflación. O especulador, en cambio, privatiza integramente as súas perdas. Se acerta, ofrece á sociedade coordinación, estabilidade de prezos e dispoñibilidade de recursos; se erra, o custo do seu equivoco recae exclusivamente sobre os seus propios ombros.
O escudo político perfecto
Demonizar ao especulador si que é útil para un grupo moi concreto: a clase política. Cando a clase política falla, cando as súas regulacións, a súa política monetaria ou a súa política fiscal fallan, nunca asumen a culpa, senón que a desprazan cara a un axente privado fundamental para a economía, isto é, o especulador. Con todo, cando a economía vai ben, cando as cousas marchan, de súpeto todo é grazas a esa mesma clase política.
Cando os bancos centrais expanden a masa monetaria e manipulan os tipos de interese, devaluando o poder adquisitivo da moeda, ou cando as regulacións asfixiantes e a presión fiscal estrangulan a produción, o resultado inevitable é o encarecemento da vida e a aparición de carestías. Fronte a este escenario, a narrativa institucional necesita desviar a responsabilidade.
Sinalar ao especulador permite trasladar a culpa desde as decisións de política monetaria, fiscal e regulatoria cara a un axente privado culturalmente demonizado. Responsabilízase ao inversor ou ao comerciante da subida da vivenda ou dos alimentos para ocultar as distorsións estruturais provocadas polas propias autoridades.
Perseguir a especulación non só representa un acto de deshonestidade intelectual, senón unha irresponsabilidade de consecuencias tráxicas para o cálculo económico. Maniatar ao especulador equivale a destruír os amortecedores do mercado e apagar a rede de sinais que preveñen o desabastecemento. Quen ataca ao especulador non está defendendo ao consumidor nin combatendo a avaricia; está destá destruíndoestruíndo ao mensaxeiro que advirte da escaseza futura e eliminando ao único axente capacitado para mover os recursos desde onde sobran ata onde verdadeiramente fan falta.
Bibliografía
Block, W. (1976). Defending the undefendable: The pimp, prostitute, scab, slumlord, libeler, extortionist, and other scapegoats in the rogue's gallery of capitalism. Fleet Press Corporation.
Kirzner, I. M. (1973). Competition and entrepreneurship. University of Chicago Press.
Mises, L. v. (1949). Human action: A treatise on economics. Yale University Press.
Smith, A. (2011). La riqueza de las naciones (C. Rodríguez Braun, Trad.). Alianza Editorial. (Obra original publicada en 1776).

