Continuamos detrás da figura de Otero, para deternos na súa obra máis lida e coñecida: Arredor de si. Pretendemos dexergar unha pequena reflexión sobre un dos seus elementos centrais: a procura da salvación. Dende este tema, explicarase o proceder do autor, partindo da súa concepción do xénero novelístico indisociable da filosofía e da xeografía e que está atravesado pola súa concepción tardo-romántica.
Cando o home deixou o paraíso, quizais aínda non o sabía, pero abríuselle a posibilidade de viaxar ata si mesmo. O paraíso sería así o principio dunha historia e, dende unha concepción cíclica do tempo, o seu fin. E no Otero que vai a estudar a Madrid despréndese certas notas do adán post-edénico, dese homo viator que ha de retornar as súas orixes. Estas son o seu destino interior, que no seu autor se exteriorizarían mediante o galeguismo e no protagonista da obra, mediante a descuberta de Galicia. Este é pois o primeiro eixo interpretativo que queremos presentar: o descubrimento do eu como desvelamento da identidade propia, neste senso Arredor de si non se debe ler como o reencontro de Adrián con Galicia, senón como o reencontro consigo mesmo mediante ela.
Dende a coordenada descrita, ábresenos un dos aspectos máis polémicos da obra de Otero. Hai sempre nas súas páxinas unha especial arela de salvación, coma se fose un miserento peregrino que vai camiñando cara ao banquete do alén. Ten fame de interioridade, de intimidade, de vocación e compromiso. Estas catro verbas describen o seu romanticismo e compréndense á luz do xiro subxectivista do pensamento moderno —dende o cal se descobre a perspectiva existencial do problema da identidade—. E velaquí un dos primeiros paradoxos oterianos: a revolución conservadora. Esta obsesión nacía dun fondo eixo vertebrador dunha filosofía implícita nas súas pescudas na tradición e na paisaxe, na historia e na xeografía. Este eixo ten a súa clara manifestación en Adrián Solovio e nas súas angustias —herdadas do Spleen romántico— e consiste nun “repudio do materialismo” que o facía renegar tanto de ideas absolutas coma do positivismo: era a hora na que a tiranía da razón debía deixar espazo aos sentidos e ao corazón (R. Villares, 2018).
Chegados a este intre, debemos matizar esta arela de salvación. Podemos falar dela coma quen quer ascender ata o lado máis abstracto do entendemento do ser humano. Non obstante, debemos comprender que detrás do impulso literario pódese descubrir unha verdade concreta. Detrás desta actitude de repudio do materialismo, agóchase a necesidade de entender que a verdade non é soamente material pero tampouco unha mera idea. Acadar a verdade, dende a súa perspectiva, ten dous atrancos principais: o impulso da razón e o impulso das paixóns. Por iso a estética do autor é sempre metafórica, evocadora, chea de alusións e referencias e ao mesmo tempo plástica, naturalista e sensorial. Este carácter é o que fai da obra un artefacto literario de difícil interpretación. Secasí, cando o lector foi quen de traducir a imaxe, atopa na forza da metáfora a máxima concreción que se lle podía dar ás intuicións intelectuais do seu autor. Tal proceder na súa narrativa advírtese xa no inicio da obra:
Nacía coa mañá, a terra de Ávila. Luz estraña ós sucos infindos, xeados. Brillar ceibe do día. Dous chopos esquemáticos: a idea do chopo. Puro pensamento materializado na mañá. Pesadelo dunha misticidade obrigada. Desexo de cabalgar todo o día por aqueles chans, bebendo da luz, sentindo decorrer o sangue polo corpo (Otero Pedrayo, Ramón (2021), 1).
Ábrese o texto coa alba na paisaxe Castelá e co gusto pola descrición miúda. Secasí, o seu proceso simbólico parte das realidades concretas e vai parindo delas unha experiencia intelectual e estética. A luz imprime no campo a calor da liberdade: o “brillar ceibe do día”. E logo, o narrador focalízase nas árbores que provocan nel unha idea: “a idea do chopo”. A verticalidade esquemática dos chopos interrompe a horizontalidade da paisaxe. O narrador, decidido, destripou como ha de o proceder en toda a obra. E ademais introduce os seus motores: fronte ao desexo de cabalgar todo o día por aqueles chans semella impoñerse o “pesadelo dunha misticidade obrigada”. Esta contradición interna no personaxe é o motor de toda a novela. Adrián Solovio precisa unha síntese que unifique os dous polos que integran esta contradición. Non obstante, tal síntese ha de ser feita pola vida. Entrementres, só cabe agardar, meditar, ler e dar voltas. Esta espera é o eixo central da vida intelectual que o leva a Madrid, deixando atrás as súas orixes.
Ao achegármonos ás aventuras de Adrián Solovio en Madrid, descubrimos o ambiente da farándula universitaria de comezos do século XX: a Universidade Central, o Ateneo, os grandes cafés e os faladoiros. Alí, preséntasenos a experiencia dun mozo arredado polo españolismo. Pero nos ambientes de época non cabe situalo en ningunha bancada. Adrián é librepensador —un neno que aínda non se posicionou—. Se ben é certo que a crítica dende os propios contemporáneos, coma o propio Risco, manifesta que esta obra é unha biografía espiritual da Xeración Nós, foron uns cantos autores os que matizaron tal afirmación. No canto, aínda que afondaron na forma do símbolo, quizais aínda non no seu contido —a contradición de Adrián Solovio— non só como motor da súa vida intelectual, senón como vivencia de todos os intelectuais deste tempo. E aínda cando si se explicitou tal comparación non se chegou ao fondo das verdades de Otero e do carácter cristián, nun senso amplo, do seu xeito de comprender o galeguismo.
Con todo, Adrián vive fascinado por Castela. Coñece Ávila, Toledo, Valladolid e todo o sur ata chegar a Granada. E aínda cando viaxa cara Europa segue nunha disquisición estética que é para el a salvación. Mais durante o periplo, por vez primeira, terá descanso do seu bulir psicoloxizante:
Só nos primeiros días da illa de Calipso se esquecera da análise interior. Agora, o isocrono palpebrexar do Faro da Mancha furáballe impiadoso o cerne da personalidade. ¿Como se crebara aquel severo método —severo e apaixonado— da introspección? O verán perdía a característica de urxente salvación. “Aínda estou a facer experiencias elementais. Sempre lonxe e arredor de min (Otero Pedrayo, Ramón (2021), 2).
A salvación que busca Solovio consistiría nunha identidade que se presenta nunha tensión interna e externa. Interna en canto está constituída por unha lectura do eu, isto é, un relato autobiográfico que se vai construíndo ao longo da obra. Daquela, acadamos a entender porque cando comeza a albiscala semella refrear a "urxencia da salvación". Doutra banda, a tranquilidade interior caracterizada pola ausencia de análise xorde grazas ás novas experiencias. Xa non é preciso facer de cada paso un problema existencial. Adrián Solovio semella contentarse, por vez primeira, coas súas "experiencias elementais". Nestas experiencias vaise manifestando un xeito de estar ante os feitos e ante os conflictos sociais. Por iso, xa non será capaz de seguir aturando as apariencias das grandes cidades europeas. Nese intre, é hora de volver ao paraíso. Solovio xa está preparado para tornar a súa existencia sen problematizala e, daquela, volve a Galicia.
Poderíamos reducir a obra a unha exaltación de Galicia. Non obstante, hai dous elementos que nos levan a matizar esta idea: o seu carácter psicolóxico e a súa estrutura interna na que Galicia non é unha mera referencia xeográfica, senón que é o símbolo da anagnórise dun personaxe que tornou a si mesmo. Isto non significa que Galicia non sexa o destino, senón hai que clarificar que significa Galicia como destino de Solovio. Quizais sexa unha área xeográfica ou unha historia ligada a un territorio e a unha tradición plurisecular de mitos, lendas e costumes que cristalizaría nun xeito de habitar o mundo. Mais, como explican estes elementos a salvación de Adrián Solovio e o seu descubrimento de si mesmo? Por que o todo que precisa Adrián para a súa revelación é Galicia? Este tipo de consideracións son inherentes a obra. Así, conceptos coma a “liberación” obtida pola “meditación apaixonada”, a “descuberta da terra” ou a “vida de Galicia” non fan nunca referencia —no que a esta obra se refire— a unha exaltación política. A verdadeira liberación que se obra en Galicia é a de Adrián Solovio e esta liberación non é froito da actividade —no seu senso mundano—, senón da contemplación. Mais, esta non se dá como auto-consideración interna, posto que só a mirada que exteriorizou ao propio eu pode verse reflexada nas súas relacións. Adrián non se veu dentro de si, nin tras de si, nin contra si, nin fóra de si; senón “arredor de si”.
Cómpre pois pensar en Adrián Solovio como expresión estética deste problema universal. Por iso, o lector sempre se pode acercar a este libro como quen se acerca a un intre existencial da vida humana. Nese momento no que o nome dun perdeu todo o seu significado. E quen sabe se ti tamén te chamabas Adrián e todo o que se podería dicir de cando Adrián foi o teu nome.
BIBLIOGRAFÍA
Otero Pedrayo, Ramón (2021):
(1) Arredor de si. Vigo: Editorial Galaxia, B. O. P., 4ª Edición, ISBN: 978-84-9151-043-7. Páx 9.
(2) Arredor de si. Vigo: Editorial Galaxia, B. O. P., 4ª Edición, ISBN: 978-84-9151-043-7. Páx. 122.
Villares Paz, Ramón (2018): Fuga e retorno de Adrián Solovio. Editorial Galaxia, 3ª Edición. ISBN:978-84-9151-203-5. Páx. 43.

