«Prefiro ter preguntas que non poden responderse antes que respostas que non poden cuestionarse.» — Richard Feynman
Hai palabras que, a forza de repetirse constantemente, acaban perdendo a densidade do seu significado. Liberdade, cultura, democracia, diálogo, pensamento... Invocámolas con frecuencia, pero poucas veces nos detemos a cuestionar o seu significado. Quizais esta sexa unha das paradoxas máis características do noso tempo: nunca tivemos tantos medios para comunicar as nosas opinións e, con todo, poucas épocas parecen ter concedido tan pouco espazo ao paciente exercicio da reflexión.
Vivimos rodeados de xuízos que pasan ante nós sen chegaren a asimilarse. Nunca antes na historia foi tan doado opinar, nin tan difícil pensar. A vida contemporánea leva un ritmo que premia a inmediatez: a resposta rápida, o chascarrillo, o eslogan. Todo o mundo pode proferir unha diatriba; moi poucos dedican o tempo de elaborar un argumento. E, con todo, a diferenza entre unha opinión e un pensamento non é de intensidade, senón de esforzo: pensar esixe pausa, lectura, conversación e, sobre todo, a disposición a descubrir que un podía estar equivocado.
Cando foi a última vez que alguén che convenceu de algo?
«¿Tu verdad? No, la Verdad, y ven conmigo a buscarla. La tuya, guárdatela». — Antonio Machado
Desde a Ekklesía á Ágora, pasando polos cafés das capitais máis sibaritas do mundo occidental, a historia do pensamento formouse pola confluencia da introspección e a da discusión. Quizais, por este motivo, o debate preséntase como unha das formas máis antigas e fecundas de buscar a verdade, unha das poucas formas de pugna intelectual que sobreviviu ao exame do tempo.
Este é o espazo que Cerna aspira a recuperar: a reflexión pausada, a honestidade intelectual e o intento de comprender e transformar o mundo que nos tocou vivir. O movemento do espírito daquel que quere coñecer debe proceder en tres xestos: ler para comprender, escribir para ordenar as ideas e discutir para poñelas a proba.
Cerna naceu impulsada por este espírito. Non pretende erixirse en depositaria dunha verdade definitiva nin constituír unha plataforma ao servizo de consignas ou ortodoxias. Aspira, con maior humildade e quizais tamén con maior ambición, a recuperar un espazo onde a escritura, a lectura e a conversación volvan ocupar o lugar que historicamente lles correspondeu como instrumentos privilexiados da vida do espírito.
A palabra cerna (Do lat. circĭnus 'círculo') designa a parte máis firme e resistente da madeira, ese núcleo silencioso que sostén o crecemento da árbore e garante a súa permanencia fronte ao paso do tempo. A elección deste nome non é casual. As sociedades tamén necesitan unha cerna: un conxunto de principios, hábitos e virtudes intelectuais que lles permitan resistir a erosión da frivolidade, a simplificación e o dogmatismo. Se existe algunha vocación que anime este proxecto, é precisamente a de contribuír, modestamente, á preservación dese núcleo invisible sen o cal ningunha cultura pode aspirar á continuidade.
«Non é a resposta o que ilumina, senón a pregunta.» — Eugène Ionesco
As grandes preguntas non teñen data de caducidade. Que é a liberdade? A quen lle debemos obediencia e por que? Que é moralmente aceptable? Non as respondemos dunha vez para sempre. Herdámolas, reformulámolas, sometémolas de novo ao exame da nosa época. Iso é, no fondo, o que significa pertencer a unha tradición intelectual: non repetir as respostas, senón seguir facéndose as preguntas.
Se estas palabras logran suscitar unha pregunta inesperada, promover unha lectura improbable ou propiciar un diálogo que doutro xeito non existiría, xa terán cumprido unha parte esencial do seu propósito.
Sobre o autor
Diego Araujo é un contribuínte de Cerna.
Estudante de Economía na USC, Premio Extraordinario de Bacharelato 2025 e gañador do Parlamento Xove 2026 (categoría universidade) xunto a Héctor González Prego, recoñecido ademais como Mellor Orador da edición. As súas columnas nacen dunha inquietude por entender o mundo dende a filosofía política, a economía, as ciencias políticas e o dereito, cun interese especial no estudo da liberdade, ademais de artigos máis técnicos centrados na análise político-filosófica, a economía austríaca e os fundamentos macro e microeconómicos.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
