«En canto A observa algo que lle parece mal e do que sofre X, A coméntao con B, e despois A e B propoñen que se aprobe unha lei para remediar o mal e axudar a X. A súa lei sempre propón determinar que debe facer C por X [...]. A ese C chámoo o Home Esquecido».
— William Graham Sumner, The Forgotten Man and Other Essays (1883/1919)
1. Unha breve introdución á análise do dereito
Dous sentidos de «dereito»
«Tes dereito a unha casa?» Antes de que alguén se lance a responder con euforia, vexamos que agocha esta pregunta. En galego empregamos unha soa palabra para dúas cousas distintas: cando dicimos que alguén estuda Dereito, referímonos a un sistema de normas, o ordenamento xurídico; cando dicimos que alguén ten dereito a algo, referímonos a unha pretensión que pode esixirlles aos demais (Nino, 2001; o inglés, por exemplo, distingue law de right). O dereito é inseparable dunha obriga: se eu teño dereito a algo, alguén ten unha obriga comigo. Polo tanto, a pregunta que formulaba ao principio son, en realidade, dúas preguntas disfrazadas dunha soa.
A lei e a súa xustificación
A primeira pregunta cuestiona que é o Dereito. Na filosofía xurídica hai dúas grandes correntes de pensamento, con respostas diametralmente opostas (Nino, 2001; o que non significa que non existan posicións que intenten conciliar ambas as teorías). Por unha banda, o positivismo xurídico sostén que a existencia e a validez dunha norma xurídica non dependen necesariamente da súa xustificación moral, senón de determinados criterios sociais e institucionais de recoñecemento. Para Kelsen (1979), máximo expoñente do positivismo xurídico, o Dereito é aquilo que o poder dita seguindo os procedementos establecidos, con independencia de que sexa xusto ou non. Para o positivismo, a validez do contido da norma non depende do seu contido moral. Para o iusnaturalismo ou dereito natural existe un núcleo de xustiza superior e anterior ao lexislador, que non depende da capacidade para impor a norma, senón do seu contido. Unha norma radicalmente inxusta, por moito que o Estado a garanta, non pode considerarse verdadeiro Dereito. Poñamos un exemplo burdo pero ilustrativo: imaxine que mañá, por calquera motivo, todos espertamos odiando as persoas pelirroxas. Vótase democraticamente nun plebiscito unha lei que permita rapar todas as persoas pelirroxas e, como non chegan ao 2 % da poboación española, a lei apróbase. Preguntémonos agora: é xusta esa lei? Naturalmente, diriamos que é un disparate, unha flagrante violación do dereito das persoas pelirroxas sobre o seu propio corpo. Isto é precisamente o que defende o dereito natural.
A referencia contemporánea máis citada é John Finnis, que fundamenta o dereito natural nuns bens humanos básicos e na razoabilidade práctica, ao servizo do ben común (Finnis, 1980/2011). Porén, este ensaio considera aínda máis relevantes as achegas de Hayek e Leoni, para quen as normas de xustiza non se descobren meditando sobre a esencia humana nin as inventa o lexislador, senón que son o resultado dun longo proceso de evolución e selección institucional (Hayek, 1973; Leoni, 1961), e a de Hoppe, que fundamenta a autopropiedade na ética da argumentación: quen nega ese dereito ten que presupoñelo ao argumentar, o que constituiría unha contradición performativa (Hoppe, 1993).
A orixe das regras
Pero non perdamos de vista, polo de agora, esta disputa. Detrás da dicotomía entre iusnaturalismo e positivismo atopamos unha discusión que xa podiamos intuír no parágrafo anterior: a discusión sobre a orixe do Dereito. Hobbes, por exemplo, entende o Dereito como unha creación do soberano. É a autoridade, e non a verdade, a que fai a lei (Hobbes, 1651/1996). Outra concepción, máis antiga, resumida na máxima romana ubi societas, ibi ius («onde hai sociedade, hai dereito»), véo como un fenómeno que nace coa propia vida social, a partir de costumes, prácticas e solucións aos conflitos que os lexisladores recollen despois máis do que inventan (Hayek, 1973; Leoni, 1961). Se o Dereito se fabrica desde arriba, o Estado pode conceder os dereitos que queira, incluído o dereito á vivenda. Se se descobre e decanta desde abaixo, os dereitos aparecen máis ben como límites que a convivencia xa presupón. A pregunta pola orixe devólvenos á pregunta sobre que é xusto e, polo tanto, á pregunta que de verdade nos interesa: que é un dereito? E mesmo: é xusto todo o que chamamos habitualmente «dereito»?
Quen debe que a quen?
Recuperamos aquí a pregunta que nos facíamos ao principio, para ser exactos, a segunda parte da pregunta. En sentido estrito, un dereito é unha pretensión xustificada que alguén pode esixir, e a toda pretensión deste tipo lle corresponde un deber alleo (Hohfeld, 1913). Un dereito que ninguén está obrigado a satisfacer non é un dereito: é un desexo. (Así podemos ir intuïndo algunhas das xustificacións últimas da tese deste ensaio: o dereito á vivenda ten que poder esixirse a alguén, e esa persoa debe ser debedora por unha causa xustificada.) Que unha pretensión requira un debedor é condición necesaria para que exista un dereito; que ese debedor estea xustificado en selo é precisamente o que queda por demostrar, e a iso se dedica o resto do ensaio. Por iso a pregunta decisiva ante calquera suposto dereito é sempre a mesma: quen debe que a quen?
Como vemos, a pregunta polo Dereito e a pregunta polo dereito están intrinsecamente conectadas: se a lei é xusta por tela promulgado o poder, se o é por ser froito dunha evolución sociolóxica ou se o é porque existe unha moral normativa universalizable a priori, as nosas conclusións ante a pregunta «Tes dereito a unha casa?» serán totalmente distintas.
A necesidade de vivenda e a tese do ensaio
A tese deste ensaio é única e clara: a vivenda nin é nin pode ser un dereito en sentido estrito, porque un dereito esixible implica poder reclamarlle a outra persoa unha vivenda. Converter a necesidade nun dereito leva no seu seo a semente dunha perversión moral disfrazada de filantropía: todas as persoas temos necesidades, pero obrigar unhas a financialas pola forza —co risco de desprazar a verdadeira filantropía, que é a xenerosidade, a axuda e a colaboración voluntaria— non pode xustificarse moralmente de ningún xeito. Ademais, cal é o límite das necesidades? Habitualmente fálase en abstracto do «dereito á vivenda», do «dereito á educación» ou do «dereito á sanidade», pero poucas veces se fala de canta vivenda, canta educación e canta sanidade nos corresponden, e moito menos se fala de quen debe financiar eses bens. Teño dereito a unha moza? Podería ser para min unha necesidade máis vital ca a sanidade (se estou san), pero iso non me habilita para reclamar que alguén me acompañe a pasear da man.
Convén advertir desde agora en que se apoia esta tese. Apoia nunha premisa que explicitaremos e defenderemos na sección 5: obrigar mediante impostos a pagar prestacións que o contribuínte non asumiu carece de xustificación moral, e diso non pode derivarse ningún dereito. Isto non exclúe que o imposto poida ser «necesario», pero indícanos que proclamar un dereito a partir dunha imposición non ten unha xustificación moral ulterior.
Que non sexa un dereito non significa que non sexa un fin desexable nin que quen precise un teito mereza a indiferenza de ninguén. Significa que converter a necesidade nun dereito ten un custo moral que poucas veces se nomea: someter unhas persoas ao servizo doutras. E ese «alguén» poucas veces é unha elite afastada: adoita ser o traballador que paga impostos ou o pequeno propietario cuxa protección xurídica e cuxos dereitos a non ser coaccionado arbitrariamente se vulneran e se seguirán vulnerando. Este ensaio non defende os ricos fronte aos pobres, senón que reclama que ningunha persoa concreta cargue cunha obriga que nunca escolleu. Se queremos que todo o mundo teña acceso a unha vivenda digna, non o conseguiremos dicindo que é un dereito. A maioría dos bens máis intervidos e subvencionados polo Estado, que o discurso político adoita presentar como dereitos, nin se abarataron nin se volveron máis accesibles; porén, necesidades máis fundamentais como a roupa ou a comida —que foron a principal necesidade humana durante milleiros de anos— e necesidades modernas como a tecnoloxía, que o Estado non garante, non deixan de abaratarse e de se volver máis accesibles para todo o mundo.
O economista Mark J. Perry, a partir dos datos do Bureau of Labor Statistics (BLS) dos Estados Unidos, analizou a evolución histórica dos prezos dos bens e servizos estadounidenses desde o ano 2000. Nos últimos 22 anos, os prezos dos bens máis intervidos polo Estado, como os hospitais (+220 %) e a matrícula universitaria (+178 %), medraron moi por riba da inflación acumulada (74,4 %). Mentres tanto, os produtos informáticos e a roupa abarataron. A comida (+82 %) e a vivenda (+80 %) subiron apenas por riba do IPC, un resultado que o propio Perry considera discutible; se se miden en horas de traballo (cos salarios un +99,6 %), ambas resultan algo máis baratas (aprox. −9 % e −10 %) (Perry, 2022). A experiencia indícanos que canto máis se intervén nun ben, máis difícil se volve que se abarate; así, aquilo que se cualifica como dereito e se intervén indiscriminadamente tende a encarecerse ou a non abaratar. Para coñecer os datos sobre vivenda e intervención en España —xa que estes datos son estadounidenses, onde o sector da vivenda non é un problema especialmente importante e o debate público sobre a vivenda como dereito non ten a mesma actualidade—, recomendamos ler o apartado 5 do noso ensaio Curar a enfermidade con veleno. Monopolio, Estado e vivenda: pode o Estado curar un mal que el mesmo provoca?
Por último, lembrámoslle ao lector que a tese de Perry explica unha correlación, non unha causalidade. Para atopar un núcleo causal na súa visión, cómpre remontarse ao problema do cálculo económico de Mises aplicado aos bens estatais ou á súa intervención no mercado (1920/2001), ou recorrer a outras explicacións que establezan causalidade.

2. Unha aclaración máis alá do debate: que di a Constitución Española?
Artigo 47
«Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos».
— Constitución Española (1978)
Antes de decidir se a vivenda é ou non un dereito, vexamos que di a nosa Constitución, porque nos últimos anos persoas, medios e partidos non deixaron de citala e repetila. O artigo 47 da Constitución establece que «todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada» (Constitución Española, 1978, art. 47). Se se le o artigo e a cita illada, parece que a cuestión está resolta: a vivenda é un dereito. Porén, ler cada artigo da Constitución tendo en conta onde se atopa o precepto importa tanto como o que di.
A Constitución Española distingue varios niveis de protección dentro do Título I (Dos dereitos e deberes fundamentais):
Capítulo primeiro: Dos españois e os estranxeiros (arts. 11 a 13).
Capítulo segundo: Dereitos e liberdades (arts. 14 a 38).
Capítulo terceiro: Dos principios reitores da política social e económica (arts. 39 a 52).
Capítulo cuarto: Das garantías das liberdades e dos dereitos fundamentais (arts. 53 a 54).
Capítulo quinto: Da suspensión dos dereitos e das liberdades (art. 55).
Os dereitos fundamentais e as liberdades (arts. 15 a 29) vinculan os poderes públicos e protéxense mediante un procedemento preferente e sumario ante os tribunais ordinarios e, se é o caso, mediante recurso de amparo (arts. 53.1 e 53.2). Estes dereitos poden reclamarse ante un xuíz. Porén, o artigo 47 está no capítulo 3, «Dos principios reitores da política social e económica». Sobre estes, o artigo 53.3 establece que informarán a lexislación positiva, a práctica xudicial e a actuación dos poderes públicos, pero que só se poderán alegar ante a xurisdición ordinaria de acordo co que dispoñan as leis que os desenvolvan.
Que significa isto? Que os artigos recollidos no capítulo terceiro non son «dereitos fundamentais», senón principios que rexen o desenvolvemento da política económica. A xurisprudencia ordinaria afirmouno con claridade: o dereito a unha vivenda digna carece de protección constitucional directa e inmediata, non se pode esixir como verdadeiro dereito subxectivo e precisa desenvolvemento lexislativo (Audiencia Provincial de Barcelona, 2020). O Tribunal Constitucional, ao examinar a lexislación sobre recuperación de vivendas ocupadas, lembrou que o artigo 47 enuncia un principio reitor e non un dereito fundamental; tamén sinalou que a liberdade de escoller residencia non permite ocupar calquera inmoble, pois para habitar legalmente unha vivenda cómpre contar cun título que o permita (Tribunal Constitucional, 2019, FJ 5 e 6).
Non son estes os únicos artigos que reforzan esta lectura. Por exemplo, o artigo 33 recoñece o dereito á propiedade privada e á herdanza, e só admite a privación de bens por unha causa xustificada de utilidade pública ou interese social e mediante a correspondente indemnización (art. 33.3). En suma, no noso ordenamento a «vivenda digna» é un obxectivo que debe orientar as políticas públicas, mentres que a propiedade e a liberdade de contratación si son dereitos con garantías plenas.
O artigo 47 recoñece constitucionalmente o dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada, pero non o configura como un dereito fundamental dotado das garantías xurisdicionais previstas nos artigos 15 a 29.
Con todo, cómpre lembrar que, como afirma o iusnaturalismo, a norma escrita non nos di nada sobre o xusta que é unha lei. Este apartado sostén que, mesmo sen considerar a validez da Constitución Española como norma escrita, esta non establece que o dereito á vivenda sexa un dereito fundamental. A Constitución Española tamén recolle moitas outras cousas ás que este ensaio se opón con vehemencia. Por exemplo, o artigo 33.2 dispón que a función social destes dereitos delimitará o seu contido, e o artigo 128.1 subordina toda a riqueza do país, sexa cal sexa a súa titularidade, ao interese xeral. Pero existe o interese xeral? E, máis importante aínda, por que debe prevalecer o interese xeral sobre o individual? Indígnanos que se oprima as minorías, pero cando o aparato democrático —que é a tiranía da maioría— decide democraticamente violentar o dereito da máis pequena e débil das minorías, parece que xa non resulta tan grave. Ayn Rand dixo: «A minoría máis pequena da Terra é o individuo» (1966).
Lembremos aquí o exemplo das persoas pelirroxas que puxemos ao principio: é xusto rapalas no nome do «interese xeral»? En absoluto. Que a Constitución diga algo non significa que sexa xusto nin que deba ser un dereito.
3. Os xuízos de Núremberg: é xusto xulgar os nazis segundo a súa propia lexislación?
Despois da Segunda Guerra Mundial celebráronse os xa coñecidos xuízos de Núremberg (1945–1946), un proceso xudicial que pretendía xulgar os crimes de guerra e os crimes contra a humanidade cometidos polo réxime nazi. O Tribunal Militar Internacional, constituído segundo o Acordo de Londres de 1945, foi o encargado de xulgar os acusados. Procesáronse 22 dos 24 seleccionados (Robert Ley suicidouse antes do xuízo e Gustav Krupp foi declarado incapacitado, polo que non puideron xulgalos) e ditáronse 12 condenas a morte.
Historicamente, o Tribunal Militar Internacional xulgou os xerifaltes nazis. En realidade, o que se xulgou naquela sala foi a suficiencia da lei positiva fronte ao dereito natural. Durante o xuízo, a defensa dos dirixentes nazis baseouse no principio fundamental do Estado de dereito: os acusados alegaron, cunha certa razón técnica, que os seus actos eran legais conforme ao ordenamento alemán vixente e que se lles xulgaba retroactivamente, vulnerando o principio nullum crimen sine lege (non hai delito sen lei). Os actos atroces que se xulgaban eran perfectamente legais segundo o ordenamento xurídico do Terceiro Reich. Se, como analizabamos na introdución, o Dereito é a vontade do soberano, os acusados non só non cometeran ningún delito, senón que obedeceran fielmente a lei do seu país.

O Tribunal Militar Internacional declarou que os actos inhumanos do réxime nazi eran punibles con independencia de que vulnerasen ou non o dereito interno do país onde se cometeran (Acordo de Londres, 1945, art. 6). A partir dese momento abriuse unha fenda histórica no positivismo: se se aceptaba, resultaba moi difícil condenar a quen cumprira leis válidas dentro do Terceiro Reich. O iusnaturalismo ofrece unha saída: existen principios morais tan básicos que ningunha lei pode anulalos.
Gustav Radbruch, positivista xurídico, escribiu, profundamente afectado, a «Fórmula de Radbruch» (Gesetzliches Unrecht und übergesetzliches Recht) tras revisar as súas propias posicións positivistas:
«O dereito positivo ten primacía mesmo cando o seu contido é inxusto ou inútil, agás que a contradición entre a lei positiva e a xustiza alcance unha medida tan insoportable que a lei deba ceder como “falso dereito” ante a xustiza».
— Radbruch (1946)
Este ensaio pregúntase: ata que punto debe ser inxusta unha lei para que se cualifique de "falso dereito»"? Sen dúbida, calquera que violente principios fundamentais como a vida, a propiedade e a liberdade. Hart e Fuller discutiron este xiro nun debate que segue a ser canónico: Hart defendeu que se pode condenar a inmoralidade dunha lei sen negarlle o carácter de dereito, e Fuller sostivo que o dereito ten unha moralidade interna que non se pode ignorar (Fuller, 1958; Hart, 1958).
Núremberg obríganos a preguntar que autoridade moral pode reclamar unha lei inxusta. Pero esa pregunta aínda deixa outra aberta: que principios nos permiten xulgala? E, no noso caso, cales deses principios poderían obrigar alguén a proporcionar unha vivenda?
4. Que normas son dereito natural e de onde emanan esas leis?
«E non cría eu que os teus decretos tivesen tanta forza como para permitir que só un home pase por riba das leis non escritas e inmutables dos deuses: a súa vixencia non é de hoxe nin de onte, senón de sempre, e ninguén sabe cando apareceron».
— Sófocles, Antígona (versos 453–455)
Quizais esta sexa a pregunta máis fundamental que debe responder o iusnaturalismo. Se algo está claro para esta tradición é que a lei non é xusta polo feito de que alguén a promulgue: depende de principios morais anteriores a toda lei escrita e debe remontarse a eles. Para o iusnaturalismo, a lei escrita é, en certo modo, unha falsificación da lei natural ou do dereito prepolítico.
Neste ensaio empregamos o termo «natural», pero consideramos que lle dá á palabra un matiz místico que non lle fai xustiza. Cómpre precisar que «dereito prepolítico» encaixa mellor coa concepción moderna desta corrente de pensamento, aínda que «natural», como vestixio histórico, tamén é válido.
Breve historia do iusnaturalismo
Aristóteles distinguiu, dentro da xustiza política, entre o xusto por natureza e o xusto por disposición legal (Ética nicomáquea, V.7). Os estoicos desenvolveron unha concepción da lei natural fundada na razón común aos seres humanos. Cicerón identificou esa lei coa «recta razón», conforme á natureza e válida para todas as persoas e en todo tempo (Cicerón, ca. 51 a. C./1986).
Na Idade Media, Tomé de Aquino entendeu a lei natural como a participación da criatura racional na lei eterna. O seu fundamento último está en Deus, e a razón práctica permite coñecer os seus preceptos. A lei humana pode extraer conclusións deses principios e determinar regras concretas alí onde caben varias solucións (Suma teolóxica, I–II, qq. 91, 94–96).
Na Escola de Salamanca, Francisco de Vitoria aplicou este debate á conquista de América. En De indis (1539) defendeu que os pobos indíxenas tiñan dominio lexítimo sobre os seus bens e autoridade sobre as súas comunidades antes da chegada dos españois. Francisco Suárez, en De legibus (1612), examinou a relación entre a razón que recoñece o bo e o malo e o carácter obrigatorio da lei natural como mandato divino. En 1625, Grocio sostivo que o exposto sobre o dereito natural conservaría certa validez mesmo baixo a hipótese de que Deus non existise, hipótese que el mesmo rexeitaba (Do dereito da guerra e da paz, prólogo, § 11). Moito antes do século XIX xa se debatía que podía establecer a razón por si mesma.
Locke, aínda que mantén a Deus como pano de fondo, fai descansar o contido da lei natural na razón e na condición de cada individuo como dono da súa persoa. Ao mesturar o seu traballo con recursos que nun principio eran comúns, pode facelos seus, con condicións relativas ao desperdicio e ao que queda dispoñible para os demais. A propiedade é un dereito anterior ao Estado, e o goberno existe para protexela. Locke tamén recoñece que quen carece doutros medios de subsistencia pode reclamar axuda do excedente alleo en caso de necesidade extrema (Locke, 1689/1988, I, § 42, e II, §§ 25–51).
Problemas do iusnaturalismo anterior ao século XIX
Ata aquí, a historia do pensamento deixa dous problemas fundamentais para o dereito natural. O primeiro é o paso do ser ao deber ser, coñecido como a guillotina de Hume (Hume, 1739–1740/1988). Chámase así porque corta a ponte entre dous tipos de enunciados. Os descritivos explican como son as cousas: «a auga ferve a cen graos», «os seres humanos poden matarse uns a outros», «a ninguén lle gusta que lle rouben». Os normativos indican como deberían ser: «non debes matar», «debes respectar a propiedade allea». Hume sinalou que dos enunciados descritivos non se pode deducir lóxicamente un enunciado normativo, porque falta unha premisa intermedia. Por exemplo, de «os golpes causan dor» non se conclúe «non debemos golpear». Para chegar a esa conclusión habería que engadir «hai que evitar a dor allea», que xa expresa un deber ser e non un feito. Isto supón un problema para o iusnaturalismo, porque pretende extraer normas morais da natureza, é dicir, dos feitos.
O segundo problema é saber se existe unha «natureza humana» da que partir. Un coitelo ten unha función clara: cortar. Por iso podemos dicir que é «bo» se corta ben. Aristóteles (ca. 350 a. C./1985, 1097b–1098a) e a tradición posterior tiñan unha visión teleolóxica do mundo, segundo a cal todo estaba orientado a un fin pola súa propia natureza. Pero esa premisa é discutible. A bioloxía evolutiva describe a nosa especie como un produto cambiante e sen un fin previo, e as ciencias sociais mostran unha enorme diversidade cultural. Mesmo aceptando que exista algo así como unha natureza, cabe preguntar: que trazos nos definen? Somos cooperativos, pero tamén violentos; racionais, pero tamén impulsivos. Se cada autor escolle trazos distintos, chegará a normas distintas: a natureza non resolve o debate, senón que o reproduce.
As solucións de Rothbard e Hoppe
Advirtimos ao lector de que estes capítulos teñen unha profundidade conceptual que pode resultar complexa para quen non estea familiarizado cos conceptos que se tratan. As opinións de Rothbard e Hoppe non son fundamentais para o desenvolvemento deste ensaio. Se estes apartados resultan difíciles de seguir, pódese continuar igualmente co resto do texto.
Rothbard
Rothbard non ignoraba estes problemas. Para responder á cuestión da existencia dunha natureza humana, dedica os cinco primeiros capítulos de A ética da liberdade a defender a validez do concepto (Rothbard, 1982/1995). En primeiro lugar, desvincúlao da relixión: argumenta que a natureza humana non necesita unha explicación relixiosa, senón que pode fundamentarse secularmente na razón.
«A afirmación de que existe unha orde da lei natural deixa, en definitiva, aberta a cuestión de se foi Deus quen a creou. E a afirmación de que a razón humana pode descubrir a orde natural deixa tamén aberta a cuestión de se foi Deus quen lle concedeu esa facultade ao ser humano. Soster que existe unha orde de leis naturais accesible á razón non é, en si mesmo, nin a favor nin en contra da relixión».
— Rothbard, A ética da liberdade (1982/1995, pp. 26–27)
O segundo paso consiste en mostrar que dicir que o ser humano ten unha natureza non ten nada de misterioso: só significa que existen regularidades no comportamento humano que se poden estudar e descubrir, como que morre se non come ou que a súa comprensión do mundo é limitada. Cada cousa que existe compórtase segundo as súas propias características. Se as mazás, as pedras e as rosas teñen naturezas específicas, por que ía ser o ser humano o único que non pode ter a súa? E, se a ten, por que non podería coñecerse mediante a observación e a reflexión racional? «Se todas as cousas teñen a súa natureza, é seguro que a natureza humana está aberta á investigación» (Rothbard, 1982/1995).
«Como o universo non é unha realidade homoxénea, unha entidade illada, dedúcese que cada unha destas cousas diferentes posúe atributos diferentes, pois, se non, todas serían a mesma cousa. Agora ben, se A, B, C, etc., teñen atributos distintos, hai que concluír que teñen naturezas diferentes. [...]. Ao conxunto que podemos construír a partir destas leis chámaselle estrutura da lei natural. Que hai de “místico” en todo isto?»
— Rothbard, A ética da liberdade (1982/1995, pp. 33–34)
Como sinala Rothbard, o concepto de «natureza humana» non precisa dunha xustificación ulterior máis alá de entender o conxunto de condicións previas que caracterizan a conduta humana. Nela hai verdades fundamentais: o ser humano é social e depende da cooperación con outras persoas para satisfacer numerosas necesidades; é vulnerable e mortal, e precisa alimento, refuxio e protección fronte ás ameazas da contorna.
Quizais o trazo máis importante da condición humana sexa a praxeoloxía (Mises, 1949/1998; Rothbard, 1962/2009). «Praxeoloxía» vén do latín praxis (do grego πρᾶξις), que significa «acción»; é a ciencia que estuda a acción humana. O seu punto de partida é moi sinxelo: as persoas actúan, é dicir, empregan medios escasos para alcanzar os fins que prefiren. Este é o «axioma da acción». E velaquí por que nos interesa: non é unha hipótese empírica que se poida refutar no sentido popperiano, senón unha verdade apriorística, pois negala implica unha contradición performativa. De feito, Mises toma de Kant a concepción dos xuízos sintéticos a priori ao considerar que o axioma da acción pertence a esa categoría. A contradición xorde porque quen tentase negar que os seres humanos actúan estaría actuando ao facelo: discutir tamén é unha acción. Da idea mesma da acción derívanse categorías que ningunha acción pode evitar: para actuar cómpre ter un fin, dispoñer de medios escasos —se fosen ilimitados non habería que elixir— e empregar tempo. Isto cambia a forma de abordar a natureza humana. Xa non cómpre recorrer a unha esencia metafísica nin a un catálogo de trazos psicolóxicos que cada autor escolle ao seu gusto: non se estuda o que somos, senón o que necesariamente facemos. Os trazos relevantes non se elixen; son os que toda acción esixe. Pero, máis alá disto, por que nos interesa a praxeoloxía?
Actuar presupón unha capacidade: elixir entre alternativas e dirixir os propios medios cara a un fin. Neste sentido, a liberdade é unha condición da acción humana que corresponde á súa natureza. Sartre, coa súa célebre afirmación de que o ser humano está «condenado a ser libre» (Sartre, 1946/2009), apuntaba a algo que, malia ser crítico coa idea de natureza humana, coincide coa praxeoloxía en que, mesmo sen unha esencia fixa, o ser humano está obrigado a decidir. A coincidencia é parcial: Sartre fala dunha liberdade ontolóxica e a praxeoloxía da estrutura da acción, e as súas conclusións políticas son moi distintas. Que se desprende disto? Que unha ética respectuosa coa natureza humana recoñece a escaseza dos medios e establece dereitos de propiedade para resolver os conflitos sobre eles; tamén recoñece que a liberdade é unha condición previa para o desenvolvemento humano. Neste sentido, a ética de Rothbard, como a desta tradición en xeral, é normativa e minimalista: acepta que existen normas morais universais na acción humana, pero tamén que hai diversas expresións da moral e da cultura, cuxa validez pode discutirse e cuxos principios últimos deben fundarse na natureza humana.
A Rothbard aínda lle pesa o problema da guillotina de Hume: a dicotomía «feito-valor» segue a ser un problema cando intenta extraer unha ética da natureza humana. Como se pasa da natureza á ética? A súa resposta é que a guillotina só corta se entendemos «bo» como unha mera opinión subxectiva. Para el, en todo ser vivo «bo» significa aquilo que é mellor para ese tipo de ser, igual que á planta lle convén a luz e a auga; é algo que se pode estudar. A súa ética é, pois, teleolóxica. Aplicado ao ser humano, o mellor para a súa natureza é poder escoller os fins mediante a razón e actuar en consecuencia, o que require liberdade fronte á coacción allea. Se «bo» é un feito sobre o que lle convén a unha natureza, do ser si se deriva o deber ser, e a guillotina deixa de ser un problema. A ética rothbardiana non saltaría do ser ao deber ser sen xustificación: o deber ser estaría xa no ser.
A partir de aquí, unha vez asentadas as bases da ética e da moral natural, Rothbard trata de derivar o dereito. A súa ética tamén recibe críticas importantes: para Zwolinski (2012), do «isto convén á natureza humana» a «debes facelo» segue a facer falta unha premisa que diga que hai que facer o que nos convén, e criticouse que Rothbard a dá por suposta. Vexamos un exemplo: mesmo se a plenitude humana consistise en ser filósofo, poderiamos preguntar por que debería importarme se iso me fai infeliz. Un rothbardiano podería responder:
Porque que algo sexa obxectivamente bo para nós non depende só de que desexemos facelo ou de que nos proporcione satisfacción inmediata.
Pero este é asunto doutro ensaio.
Hoppe
Hoppe, discípulo de Rothbard, acepta a guillotina de Hume e leva o argumento máis lonxe: se non se pode deducir un deber dun feito, ningunha descrición, por boa que sexa, da natureza humana abondará. Considera tamén que o concepto de natureza humana é demasiado difuso para servir de punto de partida (Hoppe, 1993). Estudou con Habermas e Apel na Universidade Goethe de Frankfurt, que o introduciron na ética do discurso. Esta ética (Diskursethik) propón reler a ética deontolóxica kantiana de forma intersubxectiva: substitúe o imperativo categórico de Kant por un procedemento dialóxico, no que unha norma só é válida se todas as persoas afectadas a poden aprobar nun diálogo racional e libre de coacción.
A diferenza de Habermas e Apel, que tratan a linguaxe sobre todo desde unha perspectiva procedemental ou hermenéutica, Hoppe analiza o acto de argumentar como unha acción humana concreta que require medios físicos escasos (idea que toma da praxeoloxía de Mises). O discurso non flota nun baleiro conceptual: necesita dimensións físicas reais. Por iso, as regras formais do discurso implican necesariamente dereitos de propiedade sobre o mundo físico. Para Hoppe, as regras da propiedade privada son condicións que fan posible a propia argumentación (Hoppe, 1993).
A ética da argumentación desenvólvese en tres pasos:
Discutir (argumentar) é unha acción: para facelo empréganse medios escasos, como o propio corpo.
Argumentar require controlar o propio corpo e recoñecer que a outra persoa controla o seu para poder responder libremente: é o dereito de autopropiedade.
Quen nega ese control durante o discurso incorre nunha contradición performativa: o que di choca co que fai, pois presupón a autopropiedade do seu corpo ao argumentar que ese principio non existe. Sería como berrar «estou calado!».
Segundo Hoppe, isto resolve o problema do ser e do deber ser: non deduce un deber dun feito, senón que mostra que a norma da autopropiedade e da non agresión é indiscutible, porque calquera intento de negala a presupón. Sostén tamén que dese principio se derivan os dereitos sobre os recursos externos adquiridos lexitimamente. Os seus seguidores consideran que así se pecha o debate. As críticas retrucan, entre outras cousas, que só se demostra que quen argumenta presupón non ser agredido durante a discusión, non que exista un dereito moral universal; tampouco se deriva de aí a propiedade sobre os bens externos.
Esta postura explica por que algúns libertarios contemporáneos falan dun dereito «prepolítico» máis que «natural»: as normas non emanan dun mandato nin dunha natureza, senón das condicións que fan posible o propio discurso racional, e por iso toda lei que se poida debater as presupón.
A vía evolutiva: Hayek e Leoni
Unha terceira resposta consiste en renunciar a deducir as normas da razón dun individuo. Hayek e Leoni conciben as regras como resultado dun proceso social de ensaio e selección: os grupos practicaron normas de cooperación, como a propiedade ou os pactos, que demostraron perdurar mellor e garantir a orde e a liberdade. Máis tarde, xuíces e lexisladores recollen esas regras (Hayek, 1973; Leoni, 1961). Nesta perspectiva, «prepolítico» refírese ao que precede historicamente o lexislador. A vía evolutiva formula outra pregunta: que regras acabarían recoñecendo persoas libres se tivesen que resolver os conflitos entre elas? Pensemos en dúas persoas veciñas que discrepan sobre unha estrema. Cada unha reclama que a outra non ocupe o terreo que considera seu. Para resolver a disputa haberá que examinar os títulos, os acordos previos ou os usos que ambas consideran válidos. Así descóbrese que pretensións tiñan fundamento e que regra pode orientar outras persoas en situacións semellantes. O dereito pode formarse antes de que o lexislador o formule (Hayek, 1973, caps. 4–5; Leoni, 1961): sería un proceso de descubrimento libre.
Leoni e o descubrimento do dereito
Leoni parte das pretensións que as persoas fan valer unhas fronte a outras. O decisivo acontece cando chocan. Cada parte expón o que considera seu, o que entende que se lle prometeu e o que espera que os demais respecten. O xurista ou o xuíz pode atopar aí criterios que as propias partes xa seguían, e tamén precisar unha regra cando a práctica admite varias interpretacións. A solución dun caso serve de punto de partida para o seguinte, e o seu alcance aclárase ao poñela a proba en novos conflitos. Así entende Leoni o carácter gradual do dereito elaborado polos xuristas romanos e polos xuíces do common law (Leoni, 1961).
Descubrir unha regra é pescudar que expectativas poden coexistir e que pretensións se poden soster de maneira coherente. Se unha persoa veciña reclama que se respecte a estrema, a razón que invoca tamén debe valer cando sexa ela quen invada o terreo alleo. Un conflito que parecía esixir unha solución para dúas persoas revela así un criterio xeral de convivencia.
Hayek e as regras que permiten convivir en liberdade
Hayek pregunta que tipo de regras permite que persoas con fins distintos fagan os seus propios plans. Cadaquén precisa saber que poden facer os demais coa súa persoa, cos seus bens e cos seus compromisos. Regras xerais como respectar a posesión lexítima ou non agredir delimitan ese ámbito. Dentro del, cada quen pode perseguir os seus fins sen que unha autoridade teña que decidir como encaixan todos os plans. O xuíz contribúe a esa orde cando aclara onde remata a esfera protexida dunha persoa e comeza a doutra, cun criterio que tamén se poida aplicar en casos futuros (Hayek, 1973, caps. 2 e 5).
A mesma regra que obriga unha persoa veciña a non invadir o terreo alleo protexe o seu fronte ás demais. Todas poden respectala ao mesmo tempo, aínda que discrepen sobre como usar os seus bens ou sobre os seus fins. En condicións de liberdade, esa reciprocidade axuda a explicar por que poden arraigar regras de abstención. Tamén poden xurdir deberes de actuar: quen promete entregar as chaves dunha vivenda queda obrigado a entregalas, e quen causa un dano pode ter que reparalo. En cada caso hai un feito que explica por que esa obriga recae sobre alguén concreto.
Que se desprende disto para a vivenda?
Que unha regra perdurase non resolve se é xusta. A tese é máis concreta. Cando as persoas poden discutir as súas pretensións e ninguén está autorizado de antemán a dirixir os recursos alleos, hai boas razóns para esperar que se consoliden regras que protexan ámbitos recíprocos de decisión. Iso tampouco resolve que títulos de propiedade merecen protección. E cando unha regra esixe destinar recursos propios a un fin escollido por outra persoa, cómpre un criterio adicional para decidir quen debe contribuír, canto e por que.
Volvamos agora ao alugueiro. Se a persoa arrendadora acordou entregar a vivenda, sabemos por que a inquilina pode esixila. Se alguén precisa unha vivenda e pide que outras persoas lle paguen o alugueiro, temos que identificar que fundamenta o deber desas persoas. Esa é a pregunta que o exemplo de Leoni nos ensina a formular. A necesidade explica por que alguén pide axuda. Que tería que acontecer para que puidese reclamala como algo que outra persoa lle debe?
Que teñen en común todas estas visións?
Rothbard, Hoppe, Hayek e Leoni discrepan en maior ou menor medida, pero coinciden nun punto: existen normas que se derivan do respecto á vida, á autopropiedade do corpo, á propiedade privada e aos pactos pacíficos. Hayek é máis matizado: criticaba a xustiza social como unha ilusión (Hayek, 1976), mais admitía que o Estado asegurase un mínimo de subsistencia, aínda que tampouco fundamentaba o dereito na necesidade.
Cómpre ser honestos: estas catro posicións chegan a unha conclusión, pero as súas distintas orixes seguen a ser un tema debatido. Este ensaio limítase á vivenda e ao dereito natural; non cabe aquí unha discusión detallada dun debate tan enraizado na historia da filosofía do dereito.
Deteñámonos un momento. Se alguén me esixe que non lle roube, que me reclama exactamente? Que respecte algo que lle pertence. Se me esixe cumprir un contrato, por que estou obrigado? Porque me comprometín voluntariamente. E se me esixe que non o agrida, que pretende de min? Que non interfira sen xustificación na súa persoa. Nos tres casos hai unha razón que explica por que eu, e non calquera outra persoa, debo responder ante ela.
Cambiemos agora os termos do problema. Imaxinemos alguén sen vivenda. A súa necesidade é evidente, e dificilmente se pode dubidar de que convén axudalo. Pero, dedúcese diso que pode esixirlle unha casa a outra persoa? Que pasou para que a necesidade dunha se convertese na débeda doutra? Se abondase con necesitar algo para que alguén tivese que dárnolo, todas as persoas seriamos ao mesmo tempo acredoras e debedoras de todas, e ninguén sabería ben a quen reclamar nin quen debe que a quen.
Dereitos negativos e positivos
Aquí aparece a distinción fundamental. Non é o mesmo esixir que alguén non interfira na nosa liberdade ca esixirlle que actúe para satisfacer as nosas necesidades. O primeiro son dereitos negativos: obrigas de abstención, como non agredir, non roubar ou non interferir arbitrariamente. O segundo son dereitos positivos: obrigas de prestación, como entregar un ben, proporcionar un servizo ou sufragar a satisfacción dunha necesidade.
Significa isto que toda obriga de actuar é inxusta? Evidentemente, non. Quen incumpre un contrato pode ter que reparar o dano; quen se apropia do alleo debe restituílo. É dicir, ao violar un dereito negativo, a persoa agredida adquire un dereito positivo fronte á agresora. Pero hai unha diferenza: nestes casos existe un fundamento adicional que explica por que unha persoa concreta responde ante outra. En última instancia, todo deriva deste razoamento:
Unha persoa é propietaria do seu propio corpo.
É propietaria dalgúns bens privados adquiridos, entre outras vías, ao mesturar propiedade e traballo.
Deles derivan os demais dereitos, entre eles:
Dereito á vida: se cada persoa é propietaria do seu corpo, ninguén pode dispor del sen o seu consentimento.
Liberdade persoal: ninguén pode someter lexitimamente outra persoa á escravitude ou á servidume sen violar a propiedade sobre o corpo.
Liberdade de movemento: cada persoa pode desprazarse co seu corpo, respectando os dereitos de propiedade sobre os lugares polos que pasa e o dereito equivalente das persoas propietarias.
Liberdade de traballo: cada persoa pode dispor do seu corpo para empregar as súas capacidades e producir bens ou prestar servizos voluntariamente.
Liberdade contractual: dispor dos recursos propios permite celebrar acordos voluntarios e transferir dereitos de propiedade. De aí deriva tamén o dereito a esixir o cumprimento das obrigas contractuais lexitimamente asumidas.
Dereito a adquirir propiedade: a autopropiedade complétase coa posibilidade de adquirir recursos externos mediante apropiación orixinal lexítima e intercambio voluntario. Isto permite dispor dos bens propios e excluír deles terceiros.
Liberdade de expresión e asociación: expresarse implica usar as propias facultades e os recursos lexitimamente posuídos para comunicar ideas, é dicir, falar co corpo propio nunha propiedade propia ou autorizada.
Dereito á defensa propia e á reparación: se alguén agride unha persoa ou vulnera a súa propiedade, esta pode defender os seus dereitos e reclamar a restitución do subtraído ou a reparación do dano, dentro dos límites dunha resposta proporcional.
Todos estes dereitos son, en sentido estrito, negativos. Nesta lista hai deberes de abstención e tamén deberes de prestación. Respectar a vida ou a propiedade allea esixe non agredir nin desposuír. Cumprir un contrato ou reparar un dano pode esixir pagar ou devolver algo. Neses casos sabemos por que responde esa persoa concreta: asumiu o compromiso ou causou o dano.
Cando afirmamos que alguén ten dereito á vida, á liberdade persoal ou á propiedade, non garantimos que vaia dispor de todos os recursos necesarios para vivir nin que as demais persoas teñan que proporcionárllelos. Afirmamos que ninguén pode privalo arbitrariamente da vida, sometelo á servidume ou apropiarse dos seus bens. A distinción é fundamental: ter dereito a algo non equivale necesariamente a ter dereito a que alguén nolo proporcione. De feito, afirmar que temos dereito a satisfacer as necesidades implica necesariamente a escravitude dunhas persoas por outras: quen esixe esa prestación pasa a dispor de quen debe pagala.
Nada disto equivale a negar que as necesidades merezan atención. Podemos considerar desexable que todo o mundo teña un fogar digno, apoiar a cooperación voluntaria para conseguilo e mesmo debater que políticas públicas o favorecerían. Pero ningunha desas posturas responde aínda á pregunta decisiva: existe algo que converta un desexo lexítimo nun dereito que permita esixir a outras persoas que contribúan a satisfacelo?
5. Dereitos negativos e positivos: que debe garantir o ordenamento xurídico?
Xa vimos a diferenza entre un dereito negativo e un positivo. Esixir unha vivenda corresponde, evidentemente, ao segundo. Agora cómpre preguntarse cales debe garantir o ordenamento xurídico para seguir sendo xusto. A tese que aquí se defende é que só debe garantir a priori, con independencia das circunstancias económicas de cada momento, os dereitos negativos. Ningún deles require agredir a propiedade ou a persoa de ninguén: só esixe o respecto irrestrito dos dereitos naturais sobre o propio corpo, a vida, a liberdade e a propiedade. Pero este é só un dos motivos. Estes son algúns dos argumentos máis fortes a favor:
Compatibilidade: os dereitos positivos implican desigualdade ante a lei. Unhas persoas convértense en debedoras doutras sen xustificación ulterior e, polo tanto, non se cumpriría o principio Quod ad ius naturale attinet, omnes homines aequales sunt («no que atinxe ao dereito natural, todos os seres humanos son iguais»), frase do xurista romano Ulpiano recollida no Digesto (Xustiniano, 533/1889–1898, D. 50.17.32). Todos os dereitos negativos de todas as persoas se poden respectar á vez, porque abonda con que todas se absteñan (Steiner, 1994).
Independencia das circunstancias: o contido dun dereito negativo non varía coa riqueza dunha sociedade: a prohibición do asasinato significa o mesmo nun país pobre ca nun rico. O contido dun dereito positivo si varía: que vivenda, cantas, a que prezo e para quen depende da renda, do solo dispoñible e da tecnoloxía. Un dereito cuxo contido cambia coa conxuntura non se pode fixar a priori; é unha decisión de política pública que se adopta, se avalía e se corrixe a posteriori.
Debedor identificable: todo dereito esixible leva aparellado un deber correlativo (Hohfeld, 1913). Nun dereito negativo, a persoa obrigada é calquera que poida agredir; nun positivo hai que sinalar quen o proporciona. Se non se indica, a obriga recae por defecto no Estado e, tras el, nos contribuíntes, que nunca a asumiron de forma concreta. William Graham Sumner describiuno coa figura do «Home Esquecido»: cando A e B, movidos polo sufrimento de X, propoñen unha lei para poñerlle remedio, esa lei acaba determinando o que debe facer un terceiro, C, que non participou na deliberación (Sumner, 1883/1919). Quen ve X ve o problema; quen paga, C, non aparece no debate.
Liberdade e traballo alleo: satisfacer un dereito positivo require dispor dos recursos ou do traballo doutras persoas. Isto equivale a atribuír á persoa titular unha especie de propiedade parcial sobre elas (Nozick, 1974; Rothbard, 1973), é dicir, unha forma de servidume.
Cabe aquí a réplica máis seria: o Estado si é un debedor identificable. Así o entende o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (1966), cuxo artigo 11 recoñece o dereito a un nivel de vida adecuado, incluída a vivenda; tamén o entende a maioría dos ordenamentos que recollen dereitos sociais. A obriga recae nos poderes públicos, que responden ante a persoa titular.
Pero vexamos que hai detrás. O Estado non produce vivendas nin dispón de recursos propios: antes obtívoos doutras persoas mediante impostos, que non se pagan por elección (por algo se chaman «impostos»). Cambiar o nome do debedor non fai desaparecer a débeda: trasládaa da persoa propietaria ao contribuínte, que volve ser un C que non deliberou con A e B. Citemos de novo un autor habitual nos nosos ensaios:
«O Estado nunca presta nin dá aos cidadáns algo que antes non obtivese deles».
— Henry Hazlitt (1946/2024)
Este ensaio insiste nesta premisa: obrigar mediante impostos a pagar prestacións que o contribuínte non asumiu carece de xustificación moral.
Pero non abonda con enunciar o principio: hai que defendelo. Facémolo con dous argumentos. O primeiro é a simetría: se un particular lle esixise a outro, baixo ameaza, que pagase a vivenda dunha terceira persoa, chamaríamolo extorsión, por nobre que fose o fin. Quen sosteña que o Estado queda exento desa mesma regra moral ten que explicar por que. O segundo é que as xustificacións habituais desa excepción son febles: residir nun territorio non equivale a consentir o que decida o seu goberno —ninguén asina o acordo nin pode deixar de pagar sen consecuencias—, e o voto da maioría non converte en xusto o que non o é, como vimos co exemplo das persoas pelirroxas e volveremos ver na terceira obxección. Un lector pode non quedar convencido, e é lexítimo; o importante é saber que aquí se decide o seu acordo ou desacordo con este ensaio.
6. Aplicación á vivenda
Ao longo deste ensaio expuxemos un marco de razoamento do que, se se segue e se acepta parcial ou totalmente, só se desprenden unha serie de conclusións. Vexamos cales:
A Constitución Española non recoñece o dereito á vivenda como dereito fundamental en sentido estrito, senón como principio reitor da política social.
A norma escrita non é o criterio último da xustiza: necesitamos principios universais anteriores a ela, como vimos nos xuízos de Núremberg. Estes principios fundaméntanse na autopropiedade e na propiedade lexítima.
Todo dereito esixible implica unha obriga correlativa; se alguén ten dereito a algo, debemos poder explicar quen está obrigado e por que.
A necesidade non fundamenta a obriga. Se cada necesidade constituíse un dereito, quen debería satisfacela e por que? Tería dereito a unha moza? E a ter unha familia, un televisor ou roupa? Onde rematan eses dereitos e por que ten alguén que garantilos?
Que o Estado sexa o debedor formal non elimina a pregunta, senón que a traslada ao contribuínte. En última instancia, a tese depende do principio de titularidade defendido na sección 5.
Cal é a conclusión sobre o dereito á vivenda? A que xa anticipabamos na introdución: ninguén ten dereito ao traballo alleo e da necesidade non se deriva un dereito. Declarar que alguén ten dereito a unha vivenda implica determinar quen está obrigado a proporcionárllela, sexa a persoa propietaria ou, no seu defecto, o contribuínte. En calquera dos casos, o suposto dereito dunha persoa finánciase cos recursos ou co traballo doutra, o que, segundo defendemos, o converte nun privilexio esixido a terceiros. Os dereitos negativos, que consideramos que debe defender o ordenamento xurídico, só requiren que se respecte a esfera de liberdade das persoas. Por moito que a lei establecese a vivenda como dereito fundamental, sería papel mollado se non se axustase ao dereito natural.
Con todo, isto non significa en absoluto que non nos deba preocupar o acceso á vivenda. Significa que a vía adecuada está na economía ou nas políticas públicas axeitadas, non na pretensión dun dereito subxectivo. Ademais, como vimos ao estudar Mark J. Perry, os bens máis intervidos son os que máis encareceron; isto invita a sospeitar que tratar a vivenda como un dereito podería agravar o problema en vez de resolvelo.
Hai tamén unha vía que encaixa plenamente neste marco. Se por «dereito á vivenda» entendemos o dereito a construír, mercar, alugar ou contratar sobre unha propiedade sen que o poder público o impida arbitrariamente, ese dereito é negativo e defendémolo sen reservas. Moitas barreiras de acceso á vivenda non nacen da falta dun dereito declarado, senón de atrancos creados polo propio poder público: restricións urbanísticas que limitan a oferta, licenzas lentas e custosas, regulacións abusivas... Eliminalos non obriga ninguén a prestarlle nada a ninguén; só esixe que quen debe absterse —neste caso, o poder público— se absteña. Nos nosos termos, esa é a forma lexítima dun «dereito á vivenda».
Resposta a algunhas obxeccións habituais
Obxección 1: Se alguén non ten vivenda, non ten dereito a recibir axuda?
Pode existir un deber moral de solidariedade sen que exista necesariamente un dereito subxectivo a esixirlle unha prestación a unha persoa concreta.
Obxección 2: E se unha persoa non pode conseguir unha vivenda polos seus propios medios?
A necesidade pode xustificar a axuda voluntaria, a cooperación e o debate sobre políticas públicas, pero non demostra por si soa que exista un título lexítimo sobre os recursos alleos.
Obxección 3: E se a sociedade decide democraticamente financiar unha vivenda para todo o mundo?
A lexitimidade democrática dunha decisión non resolve automaticamente a súa lexitimidade moral (especialmente cando, como defende a teoría depredadora do Estado, este non ten lexitimidade ningunha). Lembremos o exemplo da introdución: sería xusto rapar todas as persoas pelirroxas?
Obxección 4: O Estado é resultado do contrato social e, polo tanto, está lexitimado para exercer coacción porque a sociedade lle cedeu esa capacidade.
Ao noso xuízo, esta pretensión parte dun erro clásico da teoría contractualista. Pola natureza do ensaio, non nos deteremos nas súas orixes, senón na súa crítica:
O contrato social histórico: non hai constancia dun acordo orixinario entre os individuos dunha comunidade política que consentisen a creación dun Estado. Fronte a esta interpretación contractual da orixe do poder político, Franz Oppenheimer sostén en The State (1908) que o Estado naceu historicamente da conquista violenta dos dominadores sobre os dominados —ou, nas súas palabras, dos medios políticos sobre os medios económicos—. Por costume e porque facilita o saqueo e a rapina, institucionalízase e crea un imaxinario de necesidade e lexitimidade (dereito divino, vontade popular...). Se o desexan, pregúntense se asinaron algunha vez este contrato ou se alguén o fixo realmente.
Un contrato válido non pode vincular terceiros sen o seu consentimento: aínda que este contrato social se asinase nalgún momento, non pode vincular a quen non o asinou. O dereito romano establece o principio contractual Alteri stipulari nemo potest («ninguén pode estipular por outra persoa»). Tamén é esclarecedora a reflexión do anarquista do século XIX Lysander Spooner: «É un principio xeral do dereito e da razón que un documento escrito non obriga a ninguén ata que o asina» (1870/2021).
Un contrato válido non pode vincular terceiros, e menos aínda os seus herdeiros: mesmo se se demostrase que o contrato se asinou e que todas as persoas vivas daquela o asinaron, non podería vincular os seus herdeiros, porque ninguén pode herdar unha obriga contractual que non asinou. Quen puidese ter asinado —aínda que non o fixese— a Constitución dos Estados Unidos xa morreu, e os seus herdeiros non quedan vinculados por ese contrato.
7. Máis alá da vivenda: o Estado do benestar
A vivenda é un exemplo máis dos «dereitos» que se proclamaron como tales dentro do Estado do benestar, aínda que, como vimos ao longo deste ensaio, non poidan selo. Repetimos que isto non significa que non sexan fins desexables. Vexamos algúns dos exemplos máis habituais:
A educación (art. 27): é o caso máis interesante, porque a Constitución a sitúa entre os dereitos fundamentais da sección primeira, con tutela preferente e recurso de amparo, a diferenza da vivenda. Pero o artigo 27 mestura dúas cousas distintas. Por unha banda, están a liberdade de ensino, o dereito das nais e dos pais a que os seus fillos reciban unha formación acorde coas súas conviccións e a liberdade de crear centros docentes (arts. 27.1, 27.3 e 27.6): son dereitos negativos, que este ensaio defende sen reservas. Pola outra, a gratuidade do ensino básico e a programación xeral do ensino (arts. 27.4 e 27.5) son prestacións que alguén debe sufragar. Cantos anos? Con que calidade? Con que recursos? A resposta cambia coa riqueza de cada sociedade e, conforme ao argumento da independencia das circunstancias, é unha decisión de política pública, non un dereito a priori. A Constitución chama «dereito» ao que este ensaio chamaría política. Cómpre sinalar esta tensión: entender a educación como a obriga de proporcionar unha prestación implica necesariamente que terceiros a financien, aínda que non asumisen voluntariamente ese compromiso. Polo tanto, a educación entendida así non é nin pode ser un dereito, senón unha prestación económica.
A saúde (art. 43): a Constitución trata este caso igual que a vivenda: «recoñécese o dereito á protección da saúde» (art. 43.1), pero, como o dereito á vivenda, está no capítulo terceiro, «Dos principios reitores da política social e económica». O seu núcleo negativo está claro: ninguén pode sufrir danos nin ser sometido a un tratamento sen o seu consentimento (art. 15). Pero o dereito a recibir prestacións sanitarias ten un problema que xa vimos ao falar das necesidades: non ten un límite natural. Sempre se pode desexar un tratamento máis caro, unha proba máis ou unha lista de espera máis curta; polo tanto, alguén debe decidir que prestacións corresponden e, sobre todo, quen as paga.
As pensións e a Seguridade Social (arts. 41 e 50): tamén son principios reitores. Aquí vese con especial claridade o «Home Esquecido» de Sumner. Nun sistema de reparto, as pensións actuais páganse coas cotizacións de quen traballa hoxe. A xeración activa é a debedora real: non asinou nada e a súa propia pensión futura depende, á súa vez, das xeracións vindeiras, que tampouco asinaron nada.
O medio ambiente (art. 45): o dereito a «gozar dun medio ambiente axeitado» mostra como unha mesma formulación pode significar dúas cousas. Se significa que ninguén pode contaminar a miña propiedade nin prexudicar a miña saúde cos seus vertidos, é un dereito negativo clásico, protexido pola prohibición de agredir outras persoas. Se significa que alguén debe garantir un contorno «axeitado» para todos, sen precisar quen nin cal, a pretensión carece dun debedor identificable. Neste punto, a Constitución é ambigua.
8. Unha nota a pé de páxina
Non nos cansamos de insistir en que todo o que se escribe e explica neste ensaio queda aberto ao debate. Invitamos a quen queira a escribir, preguntar ou formular calquera obxección nos comentarios desta publicación ou por calquera outro medio. O obxectivo deste ensaio é defender unha tese que sempre estará aberta ao diálogo, para nos achegar a unha comprensión do mundo fundada na verdade.
9. Bibliografía
Acordo de Londres do 8 de agosto de 1945 para o procesamento e castigo dos principais criminais de guerra do Eixe Europeo (Estatuto do Tribunal Militar Internacional). (1945). United Nations Treaty Series, 82, 279.
Aristóteles. (1985). Ética nicomáquea. Ética eudemia (J. Pallí Bonet, trad.). Gredos. (Obra orixinal publicada ca. 350 a. C.)
Audiencia Provincial de Barcelona, Sección 4.ª. (2020). Sentencia n.º 592/2020, de 26 de junio (Rec. 915/2019). Iberley. https://www.iberley.es/jurisprudencia/sentencia-civil-n-592-2020-ap-barcelona-sec-4-rec-915-2019-26-06-2020-48232426
Cicerón. (1986). Sobre la república. Sobre las leyes (A. d'Ors, trad.). Tecnos. (Obra orixinal publicada ca. 51 a. C.)
Constitución Española. (1978). Boletín Oficial del Estado, 311, do 29 de decembro de 1978. https://www.boe.es/eli/es/c/1978/12/27/(1)/con
Finnis, J. (2011). Natural law and natural rights (2.ª ed.). Oxford University Press. (Obra orixinal publicada en 1980.)
Fuller, L. L. (1958). Positivism and fidelity to law: A reply to Professor Hart. Harvard Law Review, 71(4), 630–672.
Grocio, H. (2005). The rights of war and peace (R. Tuck, ed.; vol. 1). Liberty Fund. (Obra orixinal publicada en 1625.) https://oll.libertyfund.org/titles/grotius-the-rights-of-war-and-peace-2005-ed-vol-1-book-i
Hart, H. L. A. (1958). Positivism and the separation of law and morals. Harvard Law Review, 71(4), 593–629.
Hayek, F. A. (1973). Law, legislation and liberty: Vol. 1. Rules and order. University of Chicago Press.
Hayek, F. A. (1976). Law, legislation and liberty: Vol. 2. The mirage of social justice. University of Chicago Press.
Hayek, F. A. (1981). Law, legislation and liberty: Vol. 3. The political order of a free people. University of Chicago Press. (Obra orixinal publicada en 1979.) https://www.bibliovault.org/BV.landing.epl?ISBN=9780226320908
Hazlitt, H. (2024). La economía en una lección (9.ª ed.). Laissez Faire Books. (Obra orixinal publicada en 1946.)
Hobbes, T. (1996). Leviathan (R. Tuck, ed.). Cambridge University Press. (Obra orixinal publicada en 1651.)
Hohfeld, W. N. (1913). Some fundamental legal conceptions as applied in judicial reasoning. Yale Law Journal, 23(1), 16–59.
Hoppe, H.-H. (1993). The economics and ethics of private property: Studies in political economy and philosophy. Kluwer Academic Publishers.
Hume, D. (1988). Tratado de la naturaleza humana (F. Duque, trad.). Tecnos. (Obra orixinal publicada en 1739–1740.)
Xustiniano. (1889–1898). Cuerpo del derecho civil romano (I. L. García del Corral, trad.). Jaime Molinas. (Obra orixinal publicada en 533.)
Kelsen, H. (1979). Teoría pura del derecho (R. J. Vernengo, trad.). Universidad Nacional Autónoma de México. (Obra orixinal publicada en 1960.)
Leoni, B. (1961). Freedom and the law. D. Van Nostrand.
Locke, J. (1988). Two treatises of government (P. Laslett, ed.). Cambridge University Press. (Obra orixinal publicada en 1689.)
Mises, L. von. (1998). Human action: A treatise on economics (Scholar's ed.). Ludwig von Mises Institute. (Obra orixinal publicada en 1949.)
Mises, L. von. (2001). El cálculo económico en la comunidad socialista. Unión Editorial. (Obra orixinal publicada en 1920.)
Nino, C. S. (2001). Introducción al análisis del derecho (10.ª ed.). Editorial Ariel.
Nozick, R. (1974). Anarchy, state, and utopia. Basic Books.
Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais. (1966). Asemblea Xeral das Nacións Unidas, Resolución 2200 A (XXI), do 16 de decembro de 1966.
Perry, M. J. (2022, 23 de julio). Chart of the day . . . or century? American Enterprise Institute. https://www.aei.org/economics/chart-of-the-day-or-century-8/
Radbruch, G. (1946). Gesetzliches Unrecht und übergesetzliches Recht. Süddeutsche Juristen-Zeitung, 1(5), 105–108.
Rand, A. (1966). Capitalism: The unknown ideal. The New American Library.
Rothbard, M. N. (1973). For a new liberty: The libertarian manifesto. Macmillan.
Rothbard, M. N. (1995). La ética de la libertad (M. Villanueva Salas, trad.). Unión Editorial. (Obra orixinal publicada en 1982.)
Rothbard, M. N. (2009). Man, economy, and state, with Power and market (2.ª ed.). Ludwig von Mises Institute. (Obra orixinal publicada en 1962.)
Sartre, J.-P. (2009). El existencialismo es un humanismo (V. Prati de Fernández, trad.). Edhasa. (Obra orixinal publicada en 1946.)
Sophocles. (s. f.). Antigone (R. C. Jebb, trad.; revisada por P. Habel e G. Nagy; nova revisión do Hour 25 Antigone Team). Center for Hellenic Studies, Harvard University. https://chs.harvard.edu/primary-source/sophocles-antigone/
Spooner, L. (2021). Sin traición: La Constitución no tiene autoridad. Unión Editorial. (Obra orixinal publicada en 1870.)
Steiner, H. (1994). An essay on rights. Blackwell.
Suárez, F. (2015). Selections from three works (T. Pink, ed.). Liberty Fund. (Obra orixinal publicada en 1612.) https://oll.libertyfund.org/titles/selections-from-three-works
Sumner, W. G. (1919). The forgotten man and other essays (A. G. Keller, ed.). Yale University Press. (Ensaio orixinal publicado en 1883.)
Tomás de Aquino. (1990). Suma de teología (2.ª ed.). Biblioteca de Autores Cristianos. (Obra orixinal publicada ca. 1274.)
Tribunal Constitucional. (2019). Sentencia 32/2019, do 28 de febreiro de 2019 (recurso de inconstitucionalidade 4703-2018). ECLI:ES:TC:2019:32. https://hj.tribunalconstitucional.es/es-ES/Resolucion/Show/25871
Tribunal Militar Internacional. (1947). Trial of the major war criminals before the International Military Tribunal (vol. 1). International Military Tribunal.
Vitoria, F. de. (1991). On the American Indians. En A. Pagden e J. Lawrance (eds. e trads.), Political writings (pp. 231–292). Cambridge University Press. (Lección orixinal de 1539.) https://doi.org/10.1017/CBO9780511840944.012
Zwolinski, M. (2012). Reading The Ethics of Liberty, Part 3: Rothbard on Natural Law. Bleeding Heart Libertarians. https://bleedingheartlibertarians.com/2012/07/reading-the-ethics-of-liberty-part-2-rothbard-on-natural-law/

