«[...] vimos ós que foran nósos ídolos, os homes-cumes da Francia, da Inglaterra e da Alemaña aldraxábanse escudalos n-un patriotismo de feira, vimos coma caían catedrás, pazos e castelos, e vimos coma no fondo das trincheiras ficaban atuados os soños d’internazonalismo e de paz... » (López Cuevillas, Florentino:1920).

Hai xeracións que, pola natureza dos tempos que lles toca vivir, parece que están chamadas a ser o inicio dalgo novo. Agora ben, todas as épocas son unha fin e ao mesmo tempo un comezo. Non hai cousas vellas nin cousas novas, só grupos dispostos a reelaborar a sociedade e as súas manifestacións. Son aqueles capaces de facer novas as cousas vellas e darlle a súa mocidade a unha sociedade que lle deu lingua, cultura e historia... Cabe preguntarse polas circunstancias, comportamentos e preocupacións que explican o fenómeno da xeración, concepto cada día máis empregado en multitude de estudos culturais e literarios.
A idea da fin forma parte intrínseca da mente humana. Nós podemos observar este feito que acompaña ás xeracións producindo unha conciencia compartida que constitúe o seu vínculo principal. A finitude é unha das características principais da experiencia do tempo. Todo nace e morre, xorde e desaparece. O home é consciente diso e aínda así semella que hai elementos da realidade que nunca desaparecerán de todo. Decatámonos de que cambiamos, pero hai algo en nós que permanece. Vivimos xa dende a conciencia da eternidade e podémola imaxinar grazas a conciencia da finitude. Por iso debemos examinar esta conciencia non como experiencia particular, senón como trazo antropolóxico universal: non é un afán de particularismo o que produce esta conciencia, senón a procura de elementos universais e totalizadores.
Podemos sentir que hai cousas que perecen. Porén esta mudanza pasa inadvertida. O eixo antropolóxico do que falamos determina e modula as actitudes do home ante esa mudanza. Daquela, é unha das notas primeiras de Cerna Pensamento. E vemos que fronte ao cambio queremos permanecer. Vivir é ante todo sobrevivir, un exercicio de resistencia; non fronte á realidade, senón nela e dende ela. Con todo, a conciencia de ser fin xera nos homes distintas actitudes que podemos intentar explicar e categorizar:
A primeira categoría está atada ao pasado e, xa que logo, é propia de homes que nunca se han de botar a andar. Amais, como estes individuos dominados polo medo prefiren ficar parados observando o cambio enfronte deles, precisan un falso inimigo ao que culpar dos cambios. O individuo dominado polo medo precisa inimigos e como se atou ás cousas non pode percibir o sentido delas: o ben, a verdade e a beleza que nelas habita.
Logo observamos que hai persoas que ao non chegaren ao fundamento das cousas, non perciben a existencia dun sentido nelas e, en lugar de aferrarse ás cousas, aférranse á propia mudanza. Toda novidade será mellor que o que xa estaba. Esta actitude está aberta ao cambio mais de xeito acrítico. Este é o prisma que predomina nos nosos tempos: a servidume da novidade. E como este modelo xorde da acomodación ao existente, tamén se caracteriza pola súa pasividade. O culto a toda novidade é unha rendición ante o problema da procura da verdade e da xustiza. En definitiva, supón a renuncia á loita pola permanencia da verdade.
A terceira categoría camiña libre. Sabe a onde vai e non esquece de onde vén. Non obstante, non vive atada a certezas concretas, senón movida pola esperanza. Daquela no seu movemento percibe que as cousas mudan e é quen de aceptar o cambio e transcendelo, incluíndoo na súa vida. Neste individuo o pasado non é unha carga, pola contra é orixe de sentido e identidade.
Agora ben, estes comportamentos danse nun proceso dinámico que non se pode fixar, definir ou posuír e parten dun denominador común: un esquema identitario. Agora ben, o terceiro parte dunha noción antropolóxica de máxima apertura: a identidade non como muro, senón como camiño andado e por andar. Por iso, xa a Xeración Nós puxo unha especial énfase na recuperación da cultura galega: non porque buscasen unha identidade pechada e definida coa que xustificar un ideario político; senón, pola contra, porque precisaban entender de onde viñan para saber cara onde se dirixían.
Falamos dunha experiencia universal e sabemos que é fondamente metafísica: universal si, pero non porque todos os homes teñan conscientemente esta conciencia, senón porque implicitamente ou explicitamente viven en referencia a contradición existencial sinalada e obxectivada nela. Agora ben, esta contradición faise máis palpable nuns momentos da historia que noutros, do mesmo xeito que non se dá por igual en todos os individuos. Así, do mesmo xeito semella explicar pluralidade de fenómenos intelectuais, especialmente dende o século XIX. A referencia ao Grupo Nós faise necesaria ao entendermos que o seu movemento xorde como resposta á fin dunha etapa na que os soños da paz e do internacionalismo esmorecían. Era mester atopar novos puntos onde articular o diálogo. Pero eles foron moito máis alá. Eles obxectivaron a conciencia de finitude da cultura galega e decatáronse de que debía ser móbil de eternidade acadando os propósitos que toda cultura debía acadar.
Pois ben, se tras a Iª Guerra Mundial Europa deixou de crer en si mesma e instalouse nun autorelato decadentista, hoxe parece que as cousas semellan repetirse. Se xa eles falaron da morte de Galicia, como Spengler da decadencia de Occidente, hoxe semella que estamos a vivir a fin dunha era. En realidade, a crise máis fonda é a do sentido. A derrota de Occidente consiste nun relato roto, rematado, sen continuidade de sentido no horizonte. A crise de Europa preséntasenos como unha crise da identidade, cuxos primeiros síntomas se poden rastrexar dende os albores da Ilustración e incluso dende a Reforma Luterana. A ruptura do relato compartido leva consigo a construción de novos modelos identitarios sostidos en diversos aspectos culturais: a clase, a nación, o Estado, o xénero, a ideoloxía... Secasí, ningún deles é capaz de manter o equilibrio e a concordia.
SE A NÓS NOS DERON O PASADO NÓS FAREMOS O PORVIR
Semella que todo quedou dito, que pouco máis se pode engadir ao pensamento occidental. Quizais esta actitude fale xustamente do relato que xa non se sostén. Deste xeito, a nosa tradición representaría un pasado morto, litúrxico, soterrado,... En definitiva, que tería perdido a capacidade de dicirnos algo do que somos. Este percepción explica o punto de partida das tres actitudes anteriores. Pero cal define o noso proxecto? Cal explica mellor o noso punto de partida?
Loitamos pola permanencia do diálogo histórico do pensamento europeo, sabendo que a súa prolongación esixe continuadores, produtores de cultura, arte, literatura e filosofía. Mais, tamén de homes que se dignen a contemplar activamente o seu tempo e facer unha radiografía do tempo que lles toca vivir. Só dende esta radical aceptación, podemos transcender o presente para facer o porvir. O pensamento e a tradición occidentais son dous focos de luz, xa que compoñen exemplos claros da procura do sentido ao longo da historia. Así, ábrese dende eles un diálogo histórico que constitúe en si mesmo un exercicio de procura e preservación da conciencia do sentido.
Non falamos de prolongar a incontable restra de fontes de información que sacode as nosas mentes. Nin dunha temperán forza de se imantar na recua do academicismo. Pola contra, buscamos facer relación dende a cultura nun sentido vital, que radica nese intre existencial onde o saber se fai sabedoría. Non é cuestión de obter un feixe de matrículas de honra. Tampouco de acumulación de títulos académicos que só alimentan a mercantilización da universidade e a imposición dunha especialización que vai arredando todas as disciplinas. Nós somos salteadores do saber que imos roubando nos documentos especializados sen procura de nos especializar: amantes loucos para nada dispostos á monogamia académica nin ao constante proceso de atomización das distintas materias.
O PUNTO DE PARTIDA
A vida fixo de nós universitarios; só nós nos transformaremos no que debemos ser. Velaquí un dos principais esteos da nosa actitude: tender redes para levar a cabo xuntos o proxecto de sermos nós mesmos. Como dicía o proverbio árabe: Quen vai só chega antes, pero quen vai acompañado chega máis lonxe.
Nesta andaina, non se trata de sermos recoñecidos nin aplaudidos; senón de sermos fieis ao que somos, sen renunciar ao que podemos chegar a ser. Dende esta aceptación procuramos entender aquelas verbas de Ortega: [P]odemos perfectamente desertar de nuestro destino más auténtico; pero es para caer en los pisos inferiores de nuestro destino (Ortega y Gasset, José: 2019).

Este propósito non require de grandes méritos nin loas, pola contra do coñecemento da propia persoa e do seu chamado no mundo que lle toca vivir. Sempre quedará unha gota do Letheo bañando as nosas fráxiles mans. Sempre quedará un bafo de aparencia envolvendo as augas da verdade: poida que nunca cheguemos ao noso destino, mais cabe a posibilidade de que estea debaixo das augas deste mar e só teñamos que somerxernos nel, aínda que pareza que imos afogar.
Bibliografía:
López Cuevillas, Florentino (1920): «Dos nosos tempos», Revista Nós, nº 1. Páx. 12. Enlace online: Ano I Número 1 - 30 Outubro 1920 - Revista Nós.
Ortega y Gasset, José (2019): La rebelión de las masas. Barcelona: Ed. Austral, Edición Conmemorativa. Páx. 153. ISBN:978-84-670-3178-2.
Sobre o autor
Anxo Pérez Prego é un contribuínte de Cerna.
Estudante de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Navarra. A súa obra foi recoñecida en certames literarios galegos, como o Premio de Poesía «Cambados Mar de Letras» e o «Certame Literario de Ames», e en 2025 foi distinguido como mellor orador da categoría de Bacharelato na fase final de Parlamento Xove. A súa escrita céntrase no problema da identidade, con especial atención á tradición como forma de resistencia. Aborda o proceso de secularización de Europa e dialoga coa tradición galeguista e co pensamento europeo.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
