Abres os ollos. Unha investigadora achégase á cama e pregúntache: «Que probabilidade hai de que a moeda saíse cara?». Sabes que está equilibrada. Non che ensinaron o resultado. Respondes sen dubidar: un 50 %. Entón anota a túa resposta e fai que volvas durmir.
O domingo aceptaches participar nun experimento. Antes de durmirte lanzaron unha moeda, sen ensinarche o resultado. Se saíu cara, espertarante brevemente o luns. Se saíu cruz, espertarante o luns e o martes. Cada vez que te esperten volverán durmirte e borrarán o recordo dese anaco. O mércores rematará todo.
Cando espertas, conservas as instrucións do experimento, pero non tes forma de saber que día é nin se xa che preguntaron antes. A habitación e a entrevista son iguais cada vez. Ningún detalle permite diferenciar un espertar doutro, son indistinguibles.
A resposta é un medio. A moeda lanzouse antes de que durmises e tiña exactamente as mesmas posibilidades de caer dun lado que do outro. Inmediatamente despois do lanzamento, sen ver o resultado, responderías un 50 %. Cando abres os ollos, non tes ningún motivo para modificalo. A probabilidade consérvase: segue sendo un 50 %.
Sabías que ían espertarte. Faríano tanto con cara como con cruz, así que estar esperto non permite descartar ningunha posibilidade. Non che deron información sobre a moeda. O único que pasou é que durmiches.
Que os investigadores poidan repetir a entrevista mañá non cambia o que ocorreu o domingo. Tampouco o cambia que non lembres ter contestado. O resultado dunha moeda equilibrada non se volve menos probable porque alguén decida preguntarche máis veces. Cara: 50 %. Cruz: 50 %. O resto do experimento parece unha forma bastante elaborada de distraernos de algo evidente.
Fagamos, entón, unha comprobación.
Imaxina que repetimos o experimento cen semanas e obtemos cincuenta caras e cincuenta cruces. As caras producen cincuenta espertares. As cruces, dous por semana, producen cen. En total, a investigadora fixo cento cincuenta entrevistas.
Só en cincuenta delas saíra cara.
Se respondeses «cara» cada vez que abrías os ollos, acertarías unha de cada tres veces. Dúas de cada tres terías diante unha moeda que saíu cruz. Non porque estivese trucada: as cruces lévante a esa habitación o dobre de veces.
A resposta acaba de converterse nun terzo.
Ese é o argumento de repetición a favor do 1/3, recollido por Winkler (2017). Os números exactos variarían ao repetir o experimento, pero a proporción de espertares asociados a cara achegaríase a un terzo. A moeda reparte os seus resultados por metades; o protocolo reparte as entrevistas doutra maneira.
Quizais agora che pareza que o primeiro razoamento tiña un fallo clarísimo. Estabamos contando lanzamentos cando debiamos contar as ocasións nas que nos fan a pregunta. Desde a cama, o terzo parece a resposta correcta.
Ben. Cambiemos a moeda por un partido de fútbol.
Brasil xoga contra Senegal. Para este experimento, supoñamos que Brasil ten un 99 % de probabilidades de gañar e Senegal un 1 %, sen empates. Antes de empezar o partido fan que durmas. Se gaña Brasil, espertarante unha vez. Se gaña Senegal, mil veces. Despois de cada entrevista borrarán o recordo do ocorrido, igual que antes.
Abres os ollos. «Quen cres que gañou?».
Brasil. Se era tan favorito antes de durmirte e non che contaron nada do encontro, parece evidente que seguirías apostando por el. Que os investigadores preparasen mil entrevistas para unha vitoria de Senegal non fai que os seus xogadores marcasen máis goles.
Porén, aplicando o razoamento anterior, deberías inclinarte por Senegal. De cada cen partidos esperariamos noventa e nove vitorias brasileiras e unha senegalesa: noventa e nove espertares fronte a mil. Aproximadamente o 91 % das entrevistas corresponderían a unha vitoria de Senegal.
Como pode parecerche razoable o terzo coa moeda e, ao mesmo tempo, resultarche tan difícil aceptar esta conclusión?
Esta variante do exemplo futbolístico de Veritasium (2023) volve darlle forza á primeira intuición. Os espertares adicionais ocorren todos se Senegal gaña, ou non ocorre ningún se perde. Non estamos vendo mil vitorias distintas. Estamos volvendo mil veces a unha soa.
Pero iso tampouco borra o argumento contrario: se se repetise o procedemento, Senegal sería o gañador na enorme maioría das ocasións nas que terías que responder. Non hai un erro nesa conta. O que falta decidir é por que esa frecuencia debería determinar o que cres nunha entrevista concreta.
Aí está a dificultade da bela dormente. Coñecemos o mecanismo que produce os resultados e o que produce as nosas observacións. A discusión aparece cando debemos decidir como utilizar ambos para formar unha crenza desde dentro do experimento.
Na versión da moeda, quen mantén o medio pode asignar 1/2 a cara-luns e repartir a outra metade entre cruz-luns e cruz-martes: 1/4 para cada un. Quen defende o terzo asigna o mesmo peso aos tres espertares posibles. Ambos os repartos suman un; comprobar a suma non permite escoller entre eles.
Elga (2000) defendeu o terzo, mentres que Lewis (2001) sostivo a metade. O seu desacordo esixe xustificar como debe cambiar a nosa confianza ao espertar. Enumerar tres situacións non abonda para declaralas igual de probables, do mesmo xeito que sinalar unha moeda equilibrada non responde por si só ao argumento das entrevistas repetidas.
Creo que o partido axuda a entender por que isto non se resolve tachando de despistado a quen escolle a outra resposta. A intuición que parecía vencida volve resultar convincente en canto cambiamos o escenario. E a conta que parecía resolvelo todo segue sendo correcta, aínda que agora nos incomode.
Podes seguir defendendo o medio. Podes pasarte ao terzo. Pero agora tes algo máis difícil ca unha cifra: explicar por que o criterio que utilizas para unha moeda tamén debería servirche cando abres os ollos e che preguntan quen gañou o partido.
Referencias
Elga, A. (2000). Self-locating belief and the Sleeping Beauty problem. Analysis, 60(2), 143–147. https://doi.org/10.1093/analys/60.2.143
Lewis, D. (2001). Sleeping Beauty: Reply to Elga. Analysis, 61(3), 171–176. https://doi.org/10.1093/analys/61.3.171
Veritasium. (2023, 11 de febreiro). The most controversial problem in philosophy [Vídeo]. YouTube. https://www.youtube.com/watch?v=XeSu9fBJ2sI
Winkler, P. (2017). The Sleeping Beauty controversy. The American Mathematical Monthly, 124(7), 579–587. https://doi.org/10.4169/amer.math.monthly.124.7.579

