Pamplona arde ante a visita de Vito Quiles durente a súa xira Mafia o Patria o pasado xoves.
A furgoneta parou xusto diante das escaleiras e comezou a disparar. Un rapaz deixou caer un alarido. Xa estaban todos a salvo. As forzas armadas decidiron continuar.
Collemos os nosos paquetes, deixamos o local e intentamos cruzar a rúa. Logo, demos a volta para chegar ao noso destino sen pasar por diante do incendio que estaba na marxe dereita da praza. Chegamos ao edificio e vimos como un grupo de seis antidisturbios cruzaba a rúa para tomar o lugar. Nós entramos e, cando chegamos ao primeiro piso, un grupo de colexiais estaba nun balcón véndoo todo. “Estades ben?”, preguntáronnos. “Estamos, estamos”, díxenlle eu. “Está todo o mundo dentro do Colexio?”, pregunteille. Faltaba un grupo de cinco que saíra máis tarde. Chameinos e aviseinos da situación. Logo fomos ao balcón da miña habitación que estaba no segundo andar. Dende alí, dexergamos todo con precisión. O incendio seguía e, nun bar que estaba xusto naquela parte, un grupo de homes e mulleres aplaudía. “Bravo, rapaces! Moi ben feito! Abaixo o fascismo! Fóra fachas de Pamplona!".
Os meus compañeiros alporizáronse ao escoitar aqueles urras ante os feitos. Nós non entendíamos cal podía ser o motivo dos vítores. O resto dos compañeiros non entendían nada. “Quizais a guerra civil non estea tan lonxe como pensamos!”.
E mentres todos maldicían aos roxos, aos verdes, aos separatistas, aos abertzales ou vaites saber a quen, nas redes sociais comezaban a moverse os vídeos de todo o sucedido. E aquela era a maior propaganda e a maior vitoria que puidera querer ningún fascista. Os aplausos, os vítores, os incendios, todo era xa un signo do medo que nos invadía a todos. “Que pena dá ver como o Estado vai a pique”, dicía un compañeiro que estaba ao meu lado. E aínda que eu nunca tivera o Estado en alta estima, tamén puiden sentir un pequeno ápice da sensación que tivera Santo Agostiño ao ver a súa cidade devastada polos bárbaros.
Quizais todos os romanos tiveran un bárbaro dentro. Eu aínda non sei quen son os fachas. Poida que eu sexa tamén un pouco facha ou que todos eses rapaces que gritaban en contra do fascismo fosen tamén uns bárbaros. Nin o romano é tan civilizado nin a sociedade tribal tan ardorosa. Simplemente, foi o afán de dominio e o de defensa os que foron impoñendo o desequilibrio social e tamén individual. Queda no máis fondo sempre, unha sensación subxectiva que nos fala da caída dunha cidade ou dun imperio que non se pode queimar. Quizais, dentro de cada un de nós haxa unha cidade a piques de estourar.
Por iso, todos os que berran en contra do fascismo quizais deberan pensar nel non como un mero grupo social cunhas ideas. Así, a verba "fascismo" xa non se emprega nun sentido recto nin crítico para designar ao movemento político e ideolóxico do pasado século. Por iso, parece que simplemente o calificativo "facha" designe a todos os inimigos da esquerda. Daquela, cada vez é máis fácil caer dentro desta calificación nunha sociedade onde se impón a lóxica da cancelación e o maniqueísmo.
A esquerda que, coma todo grupo social, debería preguntarse se actúa de veras pola paz, ou se pola contra, coma de feito pode pasar en todo ser humano, actúa movida polo medo. Estas dúas consideracións non son contraditorias. Nin sequera son aplicables soamente a esquerda. Pero, non se acada a comprender como se poden queimar as rúas dunha cidade buscando confrontar aos seus supostos atacantes. Acaso, non tería sido máis eficaz ignorar a barbarie que unirse a ela? Pode alguén imaxinar que o cidadán medio de Hipona, a modo de protesta contra a chegada das hordas vándalas de Xenserico, tivese quiemado a súas propias rúas como sinal de desprecio?
Cada vez movémonos máis por medo. Do mesmo xeito, nas vindeiras eleccións todo parece apuntar a que se imporá o voto útil que busque frear o auxe do inimigo antes que construir unha clase política acorde coa cidadanía e o ben común.
Este medo nace dunha sensación de indefensión ante un Estado que semella non poder seguir garantindo unha vida de calidade nin unha paz real. A ruptura da paz é quizais máis suxestiva que real, aínda que os feitos vividos este xoves en Pamplona obrigáronnos aos presentes a deixar de ver a guerra como unha quimera do pasado.
Ante a situación de debilitamento das institucións públicas, o cidadán asentado na comodidade do Estado do Benestar precisa culpables das súas perdas. Por iso é máis sinxelo pensar que veñen hordas de África a tomar o noso país ou que hai unha parte da sociedade que quere liquidar os dereitos da outra. No fondo, non somos quen de aceptar que o Estado se foi deixando caer desde dentro, de que fomos nós mesmos os que abrimos as súas fendas. Poderíamos sentir mágoa. Pola contra, creo que estamos a piques de ver unha nova sociedade. Secasí, antes ten que esmorecer a actual. Non a matemos antes de tempo, nin teñamos présa por repartir o noso botín de guerra. Pola contra, temos que coidar do sistema aínda que saibamos que, tarde ou cedo, perecerá.

