«Pra ilo cómprenos, Sí, vivificarnos coa fé e coa pasión. E, precisamente, non co isa pasión tumultuosa e desordeada, sinón co isa pasión que define Ebbinghans, como “emoción feita permañencia”, emoción discipriñada.»
(Fernández del Riego, Francisco (2023))
Todo comeza coa elevación da temperatura no medio ambiente. Un aire denso e abafante castiga paulatinamente a superficie dunha masa fluida a cal semella estar adormecida. Non obstante, esta non responde de xeito indiferente ante dita agresión do contorno. A medida que o bochorno aperta, as partículas comezan a alborotarse. Primeiro obsérvase nada máis que un leve tremor. Porén, remata sendo unha colisión caótica entre as moléculas, que dá lugar á rotura das pontes de hidróxeno que as unían. As moléculas, ceibes, son agora proxectís independentes, e saen de forma autónoma disparadas en tódalas direccións. O fluido xa non quere ser fluido, rompe o seu propio estado, buscando ser masa libre, masa gaseosa. Na cúspide de calor, a materia convírtese nun vapor branco que se eleva con violencia. Non obstante, ese momento pode derivar en diferentes resultados.
Se esa explosión de vapor ocorre a ceo aberto, carente dun recipiente, sen paredes nin teito, o resultado é unha pirotecnia inútil. O gas expándese cara ningunha parte, adorna a paisaxe durante escasos segundos cunha nube efímera e, acto seguido, disípase na atmosfera. A calor pérdese. A rabia das moléculas dilúese. Todo permanece igual, a temperatura baixa de novo e a masa fluida consumiuse sen mover un só milímetro do chan.
Non obstante, o resultado é diferente cando se conta coa presenza dunha estrutura previamente pensada e deseñada co fin de conducir todo o vapor de auga. A enerxía xa non se dispersa na nada, senón que coñece e segue unha dirección específica. Cando o gas é obrigado a bater contra un pistón, a rabia das moléculas transfórmase en presión e a presión en forza. A enerxía xa non se dilúe, é quen de mover toneladas de aceiro e de desprazar o mundo.
Son múltiples as razóns que ten a mocidade hoxe en día para sentir esa calor, esas ganas de axitarse, esa impotencia e sentimento de querer arranxar as cousas por conta propia e rápida. Con todo, a queima dun contedor, a vandalización dun muro ou as marchas baleiras non son máis que abrir a válvula ao exterior: fan ruído, dende logo, pero deixan intactas as estruturas de poder. A violencia carente de reflexión simplemente retroalimenta o sistema ofrecéndose como vía de victimización ou como desvío do foco político.
Cómpre destacar tamén a importancia da fe: non en forma de dogma, senón como convicción de que outro horizonte é posíbel. Sen fe, non hai proxecto que valga a pena deseñar e a indignación relégase á desesperación nihilista.
A pausa, a reflexión, o pensamento crítico, a teoría política e a organización non buscan ser discos de freo que deteñan un sentimento de rabia colectivo, senón que deben ser os medios de canalización da nosa indignación. Son os cilindros de aceiro que precisamos para non evaporarnos no baleiro.
Referencias:
Fernández del Riego, Francisco. (2023). Loitando pola Galicia que non foi, «Diálogos: Que debemos facer os mozos galegos?». Vigo: Editorial Galaxia (Biblioteca Fernández del Riego, nº 8, 1.ª ed.), páx. 197. ISBN: 978-84-1176-007-2.
Sobre o autor
Denis Fernández é un contribuínte de Cerna.
Estuda o dobre grao bilingüe en Dereito e Administración e Dirección de Empresas (ADE) na Universidade Carlos III de Madrid. No ámbito do debate, foi distinguido na categoría de Bacharelato como mellor orador na fase previa do Parlamento Xove na edición de 2025. Os seus artigos nacen do interese por analizar a realidade socioeconómica e xurídica actual, cunha mirada especialmente centrada nos retos, perspectivas e problemáticas que afronta a mocidade de hoxe en día.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
