Co gallo do Ano Oteriano iniciamos unha viaxe arredor da vida e a obra dun dos persoeiros máis egrexios da cultura galega. Pero, como foron os comezos do xoven ourensán? Quen era Otero antes de NÓS? E que inquedanzas o levaron ao galeguismo?
Rúa do Prado, Madrid, 1906
Xorde entre os rañaceos capitaliños a imaxe tépeda dun xove estudante. Deambula polo rueiro co pulo de quen foxe sen saber de que. Viste traxe, camisa, reloxo... Ergueito e distintivo, victorhuguiano, lamartinesco, cumpre todos os tópicos do romanticismo. Apura o paso, afervoando as pernas e erguendo o seu gabán. Ao lonxe, ve un fato de compañeiros das súas aulas de dereito, con chapeus e bastóns, disfrazados de deputados. Chega a un edificio decimonónico, con pilastras na fachada e un arquitrabe coas efixies de Cervantes, Afonso X e Velázquez:
—Boas tardes, señor —un grupo de xoves interrómpeo.
—Que tal Aydillo? Como van eses artigos?—pregúntalle.
—Coma sempre home.
Entran xuntos, debruzados, e fúndense nunha conversa sobre as guerras de Silesia, . O noso compañeiro acertaba ata co detalle máis nimio do conflito. Aydillo ficaba mudo. “Laureano, hoxe non veño a biblioteca vimos á conferencia”, díxolle ao bibliotecario ourensán que pasaba por diante.
—É curioso como nalgúns tempos a face intelectual avellenta aos xoves —dille o noso compañeiro ao xornalista.
—Nada sorprendente. O trunfo é cuestión de enerxía, ou iso pensan moitos. A vontade pasou de moda.
Andaba eu aló polo mes de maio debullando nas lecturas de Otero, cando xurdía a idea de facer unha asociación de xoves con gañas de botar a cabeza a andar. Daquela decateime de que debían ser máis grandes os soños ca as ganas de traballar. O inicio do estudos universitarios supuxo a nosa separación. Iniciados no mundo do debate, xa non puidemos renunciar ao noso grupo. Sen saber como, un novo proxecto ía tomando forma. As miñas lecturas da Xeración Nós, convencéranme de que nos nosos días tamén facían falta grupos de amigos que fixeran das humanidades o medio dun diálogo totalizador, que abrira conciencias e removese a algún xove máis.
O noso compañeiro fora engulindo os libros do Ateneo madrileño cos seus aires vagarosos e solitarios. Amigo das tertulias, os debates e as parrafadas intelectuais, íase afastando das publicacións estudiantís e as aulas para dedicarse de cheo ás lecturas. Quizais, por iso renegaba dos chapóns aburguesados, que perseguían as cátedras de dereito e fixeran da universidade un medio, poñendo límites ao saber separándoo da vida:
O rapaz “chapón” non sofre dúbidas, nin crises do espírito, nin traza esquemas de poemas, nin leva nos ollos o lucir vagaroso das vixilias apaixonadas, pois saíndo da fortaleza familiar armado con todas as armas non perde pé nin deixando o camiño se aventura no bosque inquietante. (Otero Pedrayo, Ramón: 2016).
Nós tampouco somos chapóns, nin idealistas que se boten a andar convencidos de ningún trunfo posible máis grande ca o de ler, falar e escribir. Tres actividades cada día máis banalizadas. Por iso, ante os grandes retos non caben accións grandiosas. Quen non se vence no pouco, tampouco se vence nas grandes loitas xa sexan individuais, sociais ou colectivas... Non buscamos cambiar o mundo, nin elucubrar grandes pensamentos, que todos eles se fan no concreto, no cotián, na vida, en consonancia con todo o que nos precede.
Un dos trazos máis esenciais da modernidade, o adanismo, irrompe cada día con máis lixeireza. Dunha banda, porque acompaña perfectamente todas as pseudofilosofías que nos prometen a liberdade e a felicidade —o consumismo, as ideoloxías, o wokismo— achegándonos ao paraíso. Doutra banda, porque abrazan o narcisismo individualista que conduce ao “chaponismo” que denunciaba Otero. Así, aínda hoxe todos eses roedores que andan nas universidades a facerse máis e máis a forza de títulos esquecen a aventura de se adentrar no bosque do saber, deixando a Universidade á mercede do mercado.
E podemos falar sen nomes, sen referirnos a ninguén, con xeneralizacións vagas, enxordecedoras, tristes,... Pola contra, hai veces que non é preciso dar nomes, quizais porque todos e cada un poidamos ser partícipes. Todos podemos andar pola vida, coma quen vai empurrado pola multitude, deixándose guiar pola masa e sen facerse capitán do seu propio destino. Agora ben, estamos todos de acordo en que somos máis libres ca nunca? En que o sistema arcádico no que vivimos non presenta ningunha das ingratas manifestación da humanidade que se deran no pasado? En verdade, ¿quedaron atrás os credos bárbaros, deshumanizantes, o respecto polas xerarquías impostas e aquel medo abafante sobre o que se erguían os imperios e as relixións? Esta idea non só abraza o “adanismo”, senón que nos introduce de cheo nun “presentismo” inxustificable, pero totalmente de acordo coa premisa de que ningún tempo pasado foi mellor. E así, medra a sociedade do individuo autónomo que atopa en si todas as perfeccións e non precisa de ninguén. Así pois, a máxima délfica nosce te ipsum fica invertida. Se Edipo descoñecía os seus límites e a mancha da súa familia, semella que nós descoñecemos todo o bo que temos. O certo, é que só dende a aceptación destas limitacións pode o home chegar a coñecer a bondade que nel habita.
Rematada a conferencia, o noso compañeiro discute cos seus egrexios compañeiros ateneístas. O pontevedrés Said Armesto, ilustre filólogo estudoso das cantigas populares galegas e o pobrense García Martí, infinita pluma bergsoniana fúndense no fume dun salón de copeo señorial. “Un café irlandés, por favor.”, pediulle Armesto ao camareiro. E fóronse deixando levar pola conversa. Os carlistas, os reaccionarios, os republicanos, os anarquistas, todos daban voltas arredor das tertulias madrileñas. Porén, eles non devecían das contras políticas dos movementos; senón que se detiñan a comentar as lecturas e as publicacións dos académicos:
—A ilustre Pardo Bazán estivo connosco o outro día no Prado —dixo Armesto.
—Anda como unha tola detrás das Pinturas Negras —dixo o noso compañeiro.
—E ti como sabes iso, Otero —preguntoulle García Martí?
—Xa ves, na biblioteca do Ateneo tamén se aprende algo do mundo. Díxomo Joaquim Freire que vai moito as súas tertulias.
—Dille que te convide! Recita moi ben a Rosalía! —García Martí rompeu en gargalladas.
—Parvadas as xustas. Cousas de aldeán. Sabedes, o outro día fun ao Centro Galego. Estou desgustado, está “demodé”. E eu estou farto de tanto rexionalista barateiro —díxolle Otero—. Que unha institución deste calado estea presidida por un chocolateiro...! Nada señores, política local madrileña que é a máis provincialista de todas.
—Cambiando de tema, ségueste escribindo con Cao? —preguntoulle Armesto—. Dixéronme que anda traballando na figura de Sigfrido.
Pero Otero xa non pensaba no Sigfrido, nin nos concertos de Arbós onde coñecera a Durán Cao. E por intres foi deixando as cavilacións ateneístas e os debates petulantes sobre Unamuno ou Maeterlink. Así, sen afastarse daquela primeira pepitoria intelectual e cosmopolita; foi atacado polo desvelamento da nostalxia:
Brillaron como nun preludio desmasiado de onde houbera desexado transportalos aos novos camiños ledos de abrentes, cangados de deberes. ¿Por que non naceron neles? As mesmas voces chámanos desde a beira do Letheo (Otero Pedrayo, Ramón: 2015).

Cabe tomar conciencia da realidade que vivimos. Se hoxe semella que os xoves durmen ou que os intelectuais son meros adornos, eu pregúntome en que consiste realmente a bosque inquietante oteriano. O aventureiro que se atreve a cruzalo, sentindo a chamada do Letheo é aquel que se atreve a coñecerse a si mesmo. ¿Fáltanos quizais a capacidade de facernos individualmente esas preguntas incómodas que nos fan sentir perdidos e ignorantes, pero que son as que nos fan descubrir quen realmente somos? Non o creo. Pola contra, debemos interrogarnos sobre a existencia de espazos sociais onde facelo. Se hai amizades o verdadeiramente fortes, como para compartir esa aventura. Individual, si, pero tremendamente social. En efecto, esa peripecia só se observa dende a ollada totalizante dun dinamismo interno que xorde en relación co mundo e cos demais. Quizais, ese marco totalizante fose Galicia para Otero, esa Galicia que como a Adrián Solovio o facía mundial e planetario. Quizais, hoxe debamos preguntarnos se ese marco segue vivo e se segue definindo as nosa relación co mundo e con nós mesmos. Quizais, moitos quizais e para sempre: quizais.
Referencias:
Otero Pedrayo, Ramón
2015: Lembranzas do meu vivir II, «Os tempos da universidade». Vigo: Ed. Galaxia, Biblioteca Otero Pedrayo nº 10, 1ª Edición. ISSBN: 978-84-9875-621-3. Páx. 221.
2016: Parladoiro, «O estudante chapón». Vigo: Ed. Galaxia, Biblioteca Otero Pedrayo nº 10, 1ª Edición. ISSBN:978-84-9875-719-7. Páx. 45.
Sobre o autor
Anxo Pérez Prego é un contribuínte de Cerna.
Estudante de Lingua e Literatura Españolas na Universidade de Navarra. A súa obra foi recoñecida en certames literarios galegos, como o Premio de Poesía «Cambados Mar de Letras» e o «Certame Literario de Ames», e en 2025 foi distinguido como mellor orador da categoría de Bacharelato na fase final de Parlamento Xove. A súa escrita céntrase no problema da identidade, con especial atención á tradición como forma de resistencia. Aborda o proceso de secularización de Europa e dialoga coa tradición galeguista e co pensamento europeo.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
