Apostaría calquera cousa a que algunha vez dixeches a frase: “iso non ten sentido”.
Sae soa: nunha discusión con amigos, ao ver unha noticia, escoitando a alguén falar de política ou mesmo en familia. Alguén di algo que non nos cadra e a resposta aparece case antes de que remate a frase: “non, iso non ten sentido”.
E ás veces, claro, non o ten. Hai argumentos malos, datos falsos e opinións que caen con só miralas. O problema é que outras veces “non ten sentido” significa realmente “eu nunca o pensara así”.
Aí é onde debater se volve interesante. Debater non é aprender a falar bonito, nin é soltar datos de memoria nin gañar unha discusión deixando o outro sen resposta. Todo iso pode ocorrer, pero para min o importante pasa antes: obrígache a desconfiar un pouco da túa primeira reacción, que é algo que adoita pasar desapercibido.
O noso cerebro vai rápido, e así debe facelo. Se tivésemos que analizar desde cero cada cousa que vemos, non durariamos nin media hora. Así que tiramos de atallos: damos por boas cousas que xa encaixan co que cremos, buscamos explicacións rápidas, prestamos máis atención ao que nos dá a razón e, moitas veces, descartamos o que nos incomoda.
Non fai falta ser parvo para caer niso. É máis, ser intelixente non te salva. Ás veces mesmo empeora o problema, porque se es bo argumentando tamén podes ser moi bo inventando razóns para defender unha idea que decidiches crer antes de pensala de verdade. Aí o debate ten unha vantaxe evidente: obrígache a sacar a idea da túa cabeza. Mentres unha opinión está dentro, pode vivir bastante tranquila:
—“Isto é inxusto”.
—Vale. Por que?
—“Porque si, porque se nota”.
Perfecto, ata que alguén che pide que expliques que entendes por xustiza, que criterio estás empregando ou por que o teu exemplo é válido en xeral.
Aí empezas a ver problemas, pero iso é bo, porque de súpeto descobres que unha idea que na túa cabeza parecía fortísima tiña buratos; ou que estabas empregando unha palabra sen saber moi ben que querías dicir con ela; ou que o teu argumento dependía de algo que dabas por suposto e que o resto non ten por que aceptar.
Iso é aprender a pensar. Non porque un profesor che diga cal é a resposta correcta, senón porque empezas a ver como funciona o teu propio razoamento, e o proceso vólvese consciente.
Tamén aprendes algo bastante útil: que alguén che leve a contraria non significa que te estea atacando. Especialmente na xuventude, unha discusión podemos tomala dun xeito demasiado persoal: se me desmontan o argumento, perdín; se cambio de opinión, quedo mal; e se recoñezo un punto do outro, estoume rendendo. Non pode ser así.
Unha das mellores cousas que pode pasar nun debate é unha concesión; dicir: “vale, niso tes razón”. Non te volves máis débil. De feito, é máis ben ao contrario, significa que estás escoitando de verdade e que non estás protexendo a túa postura a calquera prezo.
Pero hai outro exercicio quizais máis revelador: defender unha posición que non compartes. A primeira reacción adoita ser bastante mala. “Por que vou defender algo co que non estou de acordo?”. Pois precisamente por iso. Cando tes que facelo, xa non vale describir o outro como un idiota ou alguén que “non entende nada”. Tes que buscar que motivos pode ter unha persoa razoable para pensar así. E aínda que hai ideas falsas e argumentos pésimos, se vas rexeitar algo, polo menos deberías saber que estás rexeitando.
Moitas discusións actuais non fallan porque a xente non saiba falar, fallan porque ninguén lle está respondendo realmente a ninguén. Cada un discute contra unha versión simplificada do outro, a versión máis fácil de derrotar. É máis cómodo, pero serve de pouco.
Ultimamente o debate converteuse nun espectáculo. Falar rápido, ter seguridade, soltar unha frase brillante ou deixar o rival calado impresiona, pero non demostra que pensases mellor. Ás veces só demostra que es máis hábil en escena.
Un bo debate debería premiar outras cousas: que saibas escoitar, que sexas coherente, que non mestures o que sabes co que supós, que non cambies as regras a medio camiño e que sexas capaz de admitir cando unha obxección é acertada. Isto último é importante, pois se nunca permites que nada cambie a túa postura, entón non estás razoando, estás defendendo unha bandeira.
Hoxe en día vivimos rodeados de mensaxes que queren que reaccionemos antes de pensar: un titular que nos enfada, un vídeo de vinte segundos, unha captura sen contexto ou alguén que di algo con moitísima seguridade e parece que, só por iso, debe saber do que fala. Se non tes o hábito de deterte a pensar, preguntar, buscar que falta e escoitar a resposta do outro, é moi fácil que acabes pensando ao ritmo que outros marcan por ti.
Por iso é fundamental aprender a debater pronto. Non para fabricar pequenos oradores nin para que todo o mundo queira discutir por calquera cousa. Simplemente para non pechar unha pregunta demasiado rápido.
A próxima vez que escoites algo e penses “iso non ten sentido”, quizais de verdade non o teña. Pero podería ser que si. É probable que aínda non entendeses por que esa persoa o pensa. E, aínda que ao final sigas crendo exactamente o mesmo que ao principio, facer o esforzo de entendelo terache feito pensar mellor.
Sobre o autor
Hector González é un contribuínte de Cerna.
Estudante de Física na Universidade de Santiago de Compostela e de Matemáticas na UNED, gañador do Parlamento Xove 2026 na categoría universitaria xunto a Diego Araújo Rodríguez. Os seus artigos nacen da curiosidade científica e do interese por comprender o mundo a través de modelos científicos, especialmente matemáticos, así como por transmitir estas ideas dun xeito claro, rigoroso e accesible. Busca achegar conceptos útiles e aplicables, sen renunciar á reflexión, con interese tamén por ámbitos como a psicoloxía e a comunicación.
Comentarios (0)
Todavía no hay comentarios. Sé el primero en compartir tu reflexión.
Debes iniciar sesión para unirte a la conversación.
Iniciar sesión
