En apenas un mes, a cultura galega perdeu dous dos seus máis grandes activistas. Intelectuais histriónicos, militantes do galeguismo, homes decididos e de ardua personalidade, Méndez Ferrín e Beiras entraron ben xuntiños no parnaso da cultura galega. Unha vez máis, tornámonos conscientes de que os grandes persoeiros dun tempo e dun xeito de facer literatura e sociedade van deixando o escenario da vida. Naqueles días as revolucións facíanse con pólvora, pero tamén con magnolias, e quen sabe como se farán as revolucións nos tempos que veñen.
Dunha banda, Méndez Ferrín, pluma incansable, déixanos non só unha obra inxente e dunha personalidade atragoadora, senón un xeito de facer sociedade dende a cultura e elaborar as formas máis altas de cultura dende a sociedade. Fundador do Grupo Brais Pinto en Madrid, foi todo un estratego do activismo xuvenil e galeguista, sendo un dos fundadores da Unión do Povo Galego e chegando a entrar no cárcere na súa entrega política. Ao mesmo tempo, dende Poesía enteira de Heriberto Bens ata O crepúsculo e as formigas, constitúe un persoeiro totalmente visionario dentro da creación xuvenil. Falou, berrou, escoitou e discutiu e foi quen de aprender da Xeración Galaxia ata aquilo que non foi quen, ou non quixo, transmitir. Porque, aínda que esta e a súa foran abondo distintas; souberon guiar e deixarse guiar, como mestres e discípulos.
Moi distintos foron os camiños que seguiría o neno dunha familia galeguista de Pontevedra. Beiras foi, desde a súa máis tenra infancia, próximo a Otero Pedrayo e outros patriarcas da nosa cultura. E deste xeito, chegaría a estudar Economía en París, onde iría perfilando boa parte das súas teses posteriores. De seguro, que nesta andaina puxo as bases do futuro líder do BNG e, sen lugar a dúbida, guieiro do xiro marxista do nacionalismo galego coa chegada da democracia. Poida gustar ou non, a historia do galeguismo político e da política galega dos últimos 50 anos, sen el, tería sido outra.
Valentes, inconformistas,... un coa pluma e outro co zapato, fixeron da palabra e da súa audaz formación dous útiles do espectáculo da vida pública e puxéronse ao servicio dunha tentación orixinal e romántica: a tentación do imposible, en verbas lamartinescas. Se algo une aos dous é un carácter esgrevio que fixo deles autores e personaxes: fúndese neles a literatura e a revolución.
De sempre, houbo entre a literatura e a revolución unha relación estreita. Quizais porque para uns a literatura é un medio para a revolución e, para outros, a revolución é un gran tema literario. En todo caso, o bo revolucionario, coma o gran literato, ha de facer da súa calidade un épico exercicio martirial. Hai na revolución un elemento fundamental que o une co bardo: o relato.
Daquela, debemos comprender que o verdadeiro labor do revolucionario non é só gañar a loita, senón pola contra facer dela un acto elevado. Así, terá sempre un fondo cariz estético que reside na beleza da derrota ou na épica da vitoria. Esta beleza prodúcese froito dunha contradición: a guerras que non se gañan na historia pódense gañar grazas á literatura. A ficción, moitas veces, recolle tramos paralelos á realidade e, doutras, abre camiños demasiado reais como para ser ficticios. Creamos ou non, a literatura fai mundo e, senón, xa están os literatos para que así sexa.
Como bos intelectuais revolucionarios foron almas libres e xoviais, rebeldes e outsiders. Con Nietzsche, bailaron a música da modernidade:
Viva quen crea novas danzas!
Bailemos de mil formas!
Libre sexa chamado o noso arte!
Xovial, a nosa ciencia!(Belmonte Barrenechea, M.:2026)
E de seguro que esta nova ciencia foi a que alumeou os pasos dos dous. Quizais a revolución, coma o baile teña unha estética do ritmo, da caída ao ascenso: unha estraña vontade que se realiza na beleza da autenticidade. Por iso, gañasen ou non os nosos bailaríns venceron, porque foron artistas da política e da palabra.
Por iso, xa non pedimos grandes políticos, a actual clase política demostrou que non nolos dará; nin moito menos excelentes administradores da cousa pública. Pola contra, debemos volver a facer da política unha arte e da arte, un xeito de facer política. Quizais, sexa un dos poucos camiños válidos para toda a sociedade de abandonar o politicismo integral que a arreda imbuíndonos nun espírito desentendido da realidade orgánica das sociedades humanas.
Por iso, fronte as hordas de cidadáns cada día máis desesperanzados da actual política que invaden as rúas e atentan contra o erario público e a liberdade dos seus compatriotas, debemos cultivar e educar esteticamente. A beleza será a que nos poida devolver a esperanza no ser humano. Dunha vez por todas, abandonaremos o ideal do bo salvaxe, que semella alimentar a barbarie da civilización.
Esta loa da derrota foi pois un dos alicerces na arela revolucionaria e poética de Méndez Ferrín. El foi o cantor da anti-epopea do galeguismo, foi o bardo da post-modernidade, no caso galego derrotada xa dende os seus comezos. O poeta insírese nunha tradición de audaces derrotas, que tiveron por escenario unha cidade vencida pero insubmisa:
En Compostela, en fin,
compañías de mortos compañeiros
comen caldo insubmiso na lembranza ilustrada
(VOTO POR VÓS: ROSALÍA, PONDAL E FARALDO)
das cabezas alzadas.(Méndez Ferrín, X.L.: 2019)
E quizais ese xesto de alzar a cabeza, sexa o xesto máis artístico do vencido, do náufrago e do post-moderno. A poesía de Méndez Ferrín non se pode entender senón como un xesto de alzar a ollada por riba da indiferenza e fronte á inxustiza, para poder enxergar a beleza da vida a pesar da perda e da tristeza:
Podería chamar agora
por Kerouac
porque antre os dous hai un río
de tristísimo outono
pro prefiro contemplar
as criaturas preciosas
...
e miro atentamente
o máis estéril.(Méndez Ferrín, X.L.: 2019)
E recordando a xeración dos golpeados, a Xeración Beat, á que Kerouac pertenceu, tamén el emulou aquel exercicio estético e espiritual, pero transcendeu estas dúas dimensións. O beat é o que alza man contra a tiranía do doméstico, do acomodaticio, do herdado: é para sempre un heroe que loa aos marxinados e aos máis esquecidos e pon a ollada no que se atopa á marxe. Aínda máis, alza a man para defender, por riba da morte, ou polo menos sen medo a ela, ao que non foi aceptado. Contracultural, rompedor, desafiante, o beat sería hoxe quizais tan normal coma deixado da man está o conservador recalcitrante. Mais iso, é tema doutro artigo.
E coma Ferrín, tamén nós, non podemos senón bailar coa morte. Quizais este sexa o acto estético máis elevado. Por iso, con el nos atrevemos a saudala:
Podería chamar agora
por Kerouac
ou mocidade perdida
porque antre os dous escoa o río
da morte.
...
Saudemos á morte:
na palma da man non sosteñamos ónices
Contemplemos
o seu fremoso rostro á nosa beira.(Méndez Ferrín, X.L.: 2019)
Gústenos ou non, concordemos ou non con eles, debemos aceptar que tanto o poeta como o político tiñan unha cousa que non abonda. Iso que fai que o artista sexa un artista e que poderá facer da política unha arte: o estilo. E, ao mesmo tempo, foron homes de acción, que foron alén do artístico e do intelectual. Foron homes decididamente comprometidos con obxectivos concretos moi claros. Por iso podemos tratalos de tolos, de progres, ou de infindos provocadores infestados dos carrachos da tolemia, pero o estilo podería facer de todo iso tamén un exercicio de heroica beleza; e o compromiso e a dedicación, unha entrega digna á das súas loitas e revolucións. De seguro, que agora que se atoparon coa morte non deixaron de facer o que fixeron en vida, non deixaron de erguer a man e a ollada por riba da mediocridade recitando con afán irredento aquel verso do poeta: reclamo a liberdade pró meu pobo (Méndez Ferrín, X.L.: 2019).
Bibliografía:
Méndez Ferrín, X.L.( 2019): Con pólvora e magnolias, Ed. Xerais, Vigo, ISBN: 978-84-9121-489-2.
Belmonte Barrenechea, M. (2026): Almas libres y joviales, "Inconformistas, rebeldes y «outsiders»", Ed. Acantilado, Barcelona, ISBN: 978-13-87964-71-9.

